A suspensión dos curros do Val Miñor e Oia no 2012, deixou de ser unha advertencia dos propietarios de cabalos de monte; confirmouse. O enfrontamento entre gandeiros de bestas ceibes e a Xunta de Galicia cobra a súa primeira vítima na suspensión do Curro d'A Valga que ía celebrarse este domingo. Considerada unha das rapas máis senlleiras e coñecidas do país, o 2012 deixará un oco baleiro na súa historia. Unha ausencia que nin a guerra civil logrou, informaron os colectivos. Microchip por medio, denuncian que a Xunta de Galicia desestimou as ofertas de diálogo propostas na procura de alternativas.
A tradicional festa trocará en xornada de denuncia e protesta contra a imposición dos microchips, anunciaron as asociacións de gandeiros do Val Miñor e Oia. Quen seguen a rexeitar a obrigatoriedade dun transmisor que ten un custe de igual valor ou maior que o prezo de venda dos animais, que nos últimos anos cotizan entre 30 e 50 euros.
O novo escenario do cabalo ceibe ante a falta de curros.
" Non só van deixar de celebrarse os curros, van deixarse sen control, indefinidamente, tódolos animais que ata o de agora o tiñan; sen seguro e sen desparasitar", advertiu esta tarde Xilberte Manso, portavoz de SOSGroba, asociación que ven acompañando os reclamos e recursos interpostos polos gandeiros ante as diversas administración do país, España e a Unión Europea.
Agregou que" se seguimos así, en pouco tempo, tódolos animais que consigan sobrevivir, estarán sen marcas e sen ninguén que se responsabilice dos estragos e desfeita que poidan facer no monte e nos pobos limítrofes. Desaparecerá a Asociación de Propietarios de Cabalos do Monte da Groba, as organizacións dos curros de A Valga, Morgadáns e do Galiñeiro e ninguén se responsabilizará do que poida pasar".
Nese senso, a asociación subliña que "Non estamos a perder unha festa, estamos a perder algo de nós, do noso patrimonio máis galego, que nos queren eliminar caladamente, dicindo que hai que identificar e organizar os cabalos do monte. Nós tamén o vimos dicindo dende hai moito tempo: hai que organizar e regular a vida dos cabalos do monte, pero protexéndoos, non extinguíndoos ou converténdoos en animais cativos de selección. Iso é outra cousa."
Os gandeiros do Val Miñor e Oia, sostén a viabilidade de cumprir os mesmos obxectivos que se propón a través do microchip, cunha axeitada implantación do método tradicional de libros de rexistros e marcas. Unha ferramenta que os gandeiros afirman que non só é máis viable no económico, senón tamén máis efectiva á hora de controlar aos case máis dun millar e medio de cabalos que habitan ceibes nesta bisbarra.
O domingo na Groba non van rinchar as burras do monte, nembargante, os berros non van faltar.