Luns, 5 Jun. 2023

Actualizado07:21:59 AM GMT

Estás en Val Miñor Dende o Val Miñor a Bruselas: o BNG xestiona unha exoneración para o chip nos cabalos ceibes.

Dende o Val Miñor a Bruselas: o BNG xestiona unha exoneración para o chip nos cabalos ceibes.

Correo-e Imprimir PDF
cabalo-ceibe-galego

O reclamo para liberar aos cabalos ceibes do Val Miñor e toda Galicia da obriga de pagar os chips de identificación chegou na mañá deste luns 9 de maio a Bruselas. A portavoz do BNG ante o parlamento europeo Ana Miranda achegou unha consulta onde pregunta á Comisión Europea se está informada sobre a situación de perigo pola que atravesa esta especie e da normativa con fins "recadatorios" imposta pola Xunta de Galicia. Miranda argumentou a prol dunha alternativa que faga viable a necesidade de identificación das bestas co contexto económico que rodea a cría e xestión das mesmas. Segundo informou a portavoz a Valminor.info, a resposta chegará nos próximos 30 días. Este reclamo ante o organismo comunitario cumprimenta as iniciativas xa desenvolvidas polos nacionalista, as organizacións de propietarios de cabalos e mais as plataformas sociais a nivel da bisbarra miñorana e toda la autonomía, a prol da adopción de medidas que aseguren a conservación dos animais e a tradición dos curros ligados a eles.

Segundo a norma da Xunta, os propietarios ten que pagar o chip de cada animal e a súa colocación. Uns 40 euros por animal foi o custe no 2010. Se ben a Xunta ten aplicada unha subvención do 75% ao custe para 2011, os criadores afirman non saber o que pode suceder coas subvencións a futuro. Na consulta presentada polo BNG ante o parlamento europeo, afírmase que a normativa comunitaria establece excepcións para équidos que viven en condicións salvaxes o semisalvaxes, como no caso galego.

No texto promovido por Ana Miranda afírmase que a Xunta de Galicia promove un réxime específico para a identificación destes animais moi gravoso para os propietarios," cun dispositivo que non é gratuíto nin contempla acordos coas aseguradoras que asuman os riscos de posibles desfeitas que poidan provocar os cabalos nos montes". O escrito agrega que ese "afán recadatorio" choca coa necesidade de protección desta especie e a estratexia ambiental europea.

No remate da consulta e nun ton de pregunta, o texto manifesta "Ten coñecemento a Comisión desta situación e do feito que os cabalos salvaxes de Galicia xogan un relevante papel ecolóxico dada a súa influencia en determinados hábitats de montaña, a súa demostrada contribución ao fomento da biodiversidade e o seu incalculable valor como instrumento de xestión natural para a Rede Natura 2000?."

En todo o proceso de xestación desta consulta europea tiveron moito que ver as xestión emprendidas por Xilberte Manso de la Torre de SOSGroba que alentou o contacto das asociacións de propietarios coa portavoz. De feito tanto dende SosGroba como de Bruselas confirmouse que o próximo venres Miranda estará no Val Miñor para falar con representantes da asociacións involucradas. Dende o Bloque tamén se está a traballar a nivel autonómico, provincial e dos concellos ao mesmo fin. No Val Miñor o pasado 28 de abril, a iniciativa dos nacionalistas o Concello de Gondomar aprobou no seu pleno unha moción no mesmo senso, solicitando á Xunta de Galicia a adopción de medidas tendentes a dar solución o tema.