-EU aporta datos do IGE que sinalan unha perda do 30% de afiliacións á Seguridade Social de menores de 35 anos durante o mesmo períódo. Agrega que o 90% dos novos contratos asinados son temporais.
Esquerda Unida sae ao cruce dun comunicado oficial do Concello de Nigrán onde o alcalde gabábase da existencia de 95 parados menos en Nigrán co respecto ao mes de marzo. Se ben EU admite que é certa a información da alcaldía, baseada nas cifras aportadas pola Consellaría de Traballo, afirman que "as estatísticas completas " demostran que dende que Alberto Valverde chegou ao goberno municipal o número de veciños que ten un posto de traballo descendeu un 11,61%, segundo o Instituto de Estatísticas de Galicia (IGE).
Segundo a mesma fonte, en xullo de 2011 cando o rexedor tomou o cargo, había 6.572 empadroados en Nigrán afiliados á Seguridade Social, mentres que a marzo de 2014 o rexistro baixou a 5.809.
Descende nun 30% as afiliacións na SS dos menores de 35 anos.
O descenso de actividade neste mesmo período entre os menores de 35 anos atópase nun preocupante 30%, pasando de 1.965 a 1.379 persoas afiliadas a SS, segundo o IGE. Agrega EU que o paro no concello de Nigrán nese mesmo período de tempo aumentou máis dun 10%. Sendo especialmente grave o aumento entre as persoas que levan paradas máis dun ano (o 35%), "é dicir as que non atopan nin un posto temporal, que representan máis do 90% dos que se asinan en Nigrán", sinala José Cuevas, portavoz de EU Nigrán.
Para Cuevas, aínda que aparentemente se está a producir un cambio de tendencia nas cifras do paro, "estas non son consecuencia da creación de postos de traballo", como afirmara o rexedor Alberto Valverde nun comunicado. " Así o reflicten os datos de afiliación á Seguridade Social, sendo mais ben consecuencia do exilio económico que sofre a xuventude", conclúe Cuevas.