A economía galega está estancada e o país sae da crise con máis lentitude e maior febleza que o conxunto do Estado. Esas son as principais conclusións que o Foro Económico de Galicia (FEG) saca do seu primeiro informe de conxuntura deste ano 2015, no que varios indicadores veñen confirmar e explicar o precario crecemento da comunidade, tal e como indicaron os datos de incremeto do PIB, que foi do 0,5% na autonomía, o peor dato dunha España que medrou un 1,4%, segundo recolle o xornal dixital Praza da Asociación de Medios en Galego.
Hai dous factores que explican e "matizan" ese crecemento continuo nos últimos catro trimestres, que en Galicia é moito máis débil: o parón do sector exterior e a atonía da demanda interna. No primeiro caso, leva cinco trimestres seguidos con achegas negativas ao crecemento do PIB e, o que é "máis negativo", as empresas galegas que venden fóra de España redúcense, algo que "non acontecía desde 2009", tal e como destaca o FEG.
O estancamento do sector exterior e a atonía da demanda interna explican o crecemento débil de Galicia
En canto á demanda interna, o Foro destaca que presenta valores positivos na súa achega ao PIB (0,7%), con crecemento do investimento tras seis anos de contracción (1,3%), pero cun impulso "máis curto e débil" que no resto das autonomías.
Fernando González Laxe, coordinador do informe, explicou que as crises "deixan pegadas moi profundas, secuelas moi desfavorables e fendas que exisen reparacións e selado". No caso de Galicia, segundo di, esas fendas son máis profundas que no Estado. Así, mentres o país medraba antes da crise máis que a media, agora está a afrontar a saída da crise "con máis debilidade".