Venres, 26 Apr. 2024

Actualizado10:50:26 PM GMT

Estás en Nigrán Socialistas denuncian a confirmación dun "trato de favor" do alcalde de Nigrán no aluguer do depósito municipal.

Socialistas denuncian a confirmación dun "trato de favor" do alcalde de Nigrán no aluguer do depósito municipal.

Correo-e Imprimir PDF
nave-rua-dos-pazos

-Pola súa banda, o alcalde popular Alberto Valverde, sinala que trátase da mesma propiedade cos socialistas intentaron mercar durante o goberno de Efrén Juanes por un valor de 2 millóns de euros.

Medra a polémica sobre o proceso de licitación do aluguer dun Depósito - Almacén municipal para o Concello de Nigrán convocado o pasado 24 de xaneiro. Sen ter o proceso de adxudicación rematado, funcionarios e maquinaria municipal xa traballan nunha nave privada denunciada polo PSOE o mesmo día da convocatoria como "beneficiaria" a través dun "trato de favor" do alcalde Alberto Valverde co seu propietario. Pola súa banda, o alcalde argumenta que estas intervencións ten por obxecto "adiantar traballo", por ser "única oferta presentada" na convocatoria, coincidindo que trátase da "mencionada no comunicado do PSOE". Unha nave que segundo Valverde o anterior goberno do PSOE intentou mercar por valor de 2 millóns de euros.

Os socialistas denuncian "tratos de favor" do alcalde de Nigrán.

Os socialistas denunciaran publicamente o mesmo día da convocatoria de ofertas, que a nave a contratar en aluguer polo Concello de Nigrán xa estaba "apalabrada e pechada a súa contratación" polo propio alcalde antes de iniciar o procedemento público. Argumentaban que o prazo de presentación era tan só de 24 horas -o que logo ampliouse por 6 días máis-, e que as condicións das bases da convocatoria daban "a sensación de que xa se sabía a quen, onde e como se vai a contratar a nave". Finalmente sinalaban unha construción sobre a Rúa dos Pazos, a que resultou ser no devir do proceso a única presentada nas ofertas, e a quen se adxudicará a licitación.

Daquela, o portavoz socialista Juan González, reclamou a realización dun novo concurso público que "garantice a transparencia do procedemento". Á vez que cuestionaba o custe da contratación, da orde dos 42.000€ máis IVE ao ano.

Nesta xornada, González denuncia que "A día de hoxe e sen rematar aínda o proceso de contratación os obreiros do departamento de Vías e Obras co Concelleiro do ramo (José Álvarez) e o alcalde, Alberto Valverde, ao fronte xa traballan no arranxo, limpeza e adecuación da nave que o Partido Socialista sinalaba como beneficiaria do contrato de aluguer."

O concelleiro socialista agrega que si "en aquel momento denunciábamos o posible trato de favor de Alberto Valverde cara unhas bases de contratación "a la carta" agora constátase que é una realidade e que, asemade, non só se vulnerasen os dereitos de calquera veciño e veciña de Nigrán senón que funcionarios e maquinaria municipal levan dous días traballando nunha nave e nuns terreos particulares pois o proceso de contratación aínda está en marcha."

Os socialistas esixen ao alcalde "que tome cartas de xeito inmediato no asunto, que paralice as obras e traballos en esta nave particular e que repoñan dos seus petos os gastos que tal despropósito". Por outra banda, o PSOE pedirá á Fiscalía que investigue "esta nova actuación irregular e uso de fondos e traballadores públicos", no que consideran obras en espazos privados.

Valverde responde ás acusacións.

Consultado o alcalde Alberto Valverde - que atopábase de vacacións- asegurou que o devandito concurso de aluguer finalizou o pasado 30 de xaneiro, coa única presentación desta nave nas ofertas. Valverde informou a través dun comunicado, que xa procedeu á elaboración de toda a documentación e dos informes pertinentes, "os que xa están listos para ser asinados" e así "oficializar a adxudicación". O rexedor asegurou que asinará a devandita documentación na xornada deste xoves e así cumprirá coa "formalidade". No mesmo escrito, confirmaba que a trátase da nave que os socialistas sinalaban no seu comunicado.

Nese contexto de explicacións, o rexedor afirmou que ante " estas circunstancias, o persoal de Vías e Obras decidiu a adiantar traballo e comezar os labores de limpeza e acondicionamento da nave, co único obxectivo de tela operativa ao 100% o 1 de marzo."

Valverde reiterou que o concurso foi "público, aberto, oficial e transparente e que o aluguer desta nave permitirá aforrar ás arcas municipais 11.000 euros anuais, ademais de gañar en operatividade e funcionalidade para o departamento de Vías e Obras."

Na súa resposta aos socialistas, Alberto Valverde recorda ao PSOE de Nigrán " no anterior mandato ofreceu ao propietario deste inmoble 2 millóns de euros pola súa compra."Descoñezo como pretendía o anterior goberno pagar 2 millóns de euros pola comprar desta nave?", ironizou.