Sábado, 27 Apr. 2024

Actualizado10:50:26 PM GMT

Estás en Nigrán O goberno de Nigrán quere manter viva a memoria do concelleiro Joaquín Iglesias Portela.

O goberno de Nigrán quere manter viva a memoria do concelleiro Joaquín Iglesias Portela.

Correo-e Imprimir PDF
plaza-joaquin-iglesias-2

O equipo de goberno levará ao próximo pleno do 22 de decembro unha moción para designar ao espazo público do cruce dos camiños da Cabreira e Manuel Misa, na Ramallosa como “Praza Joaquín Iglesias Portela. O concelleiro republicano foi unha das primeiras vítimas da persecución franquista, asasinado poucos días despois do golpe de Estado do 1936 na estrada da Guarda a Baiona, á altura de San Xián, lugar da parroquia do Rosal. Neste Rexistro Civil nunca foi asentada a súa defunción.

O devandito espazo foi ocupado por unha casa que segundo datos obtidos polo concelleiro de Urbanismo Juan González foi o lugar onde naceu e viviu Joaquín Iglesias. Os veciños da parroquia de San Pedro o mercaron tempo atrás co fin de acondicionar o lugar cun fin de lecer. En marzo deste ano o concello fixo traballos rehabilitación cun subterraneizado do cableado, empedrándoa e dotándoa de mobiliario urbano.

No mes de abril do pasado 2009, o Instituto de Estudos Miñoranos realizou a exhumación de cinco cadáveres en dúas fosas comúns localizadas en San Xián, concello do Rosal. Os restos de Iglesias foron identificados polo Instituto de Medicina Legal Xenética Forense da Universidade de Santiago de Compostela e pola Unidade de Antropoloxía Forense do Instituto de Medicina Legal de Galicia.

Joaquín Iglesias Portela nacera o 18 de xullo de 1872. De profesión carpinteiro, enviuvara e casara en segundas nupcias con Dolores Portela, residía en San Pedro da Ramallosa e tivo, neste segundo matrimonio, sete fillos: Eduardo, Generosa, Constantina, Pepa, Antonia, Basilisa e Ulpiano. Ao maior, Eduardo, o único en idade de traballar e gañar o pan para os seus, obrigárono a ir á guerra. No servizo maltratárono, regresou enfermo de tuberculose e morreu ao pouco tempo. Como tamén faleceron de tuberculose e fame as súas irmáns Generosa, Antonia e Basilisa.

Lembra Ulpiano, o seu fillo, que escoitaba dicir que o viñeran avisar dous mozos da parroquia, veciños, “daqueles aos que lle deron unha camisa azul”, para que se presentase no cuartel da Garda Civil de Baiona. Cando saíu da casa e virou o camiño, botáronse sobre el e levárono preso. “Nunca máis regresou.”

Os restos de Joaquín Iglesias foron soterrados 74 anos despois no cemiterio de San Pedro da Ramallosa xunto cos restos doutra persoa co identidade descoñecida pero segundo achegas de testemuñas podería tratarse dun mariñeiro de Panxón ou doutro veciño miñorano coñecido como o “Palero de Laureana”, obreiro de Gondomar e desaparecido en febreiro de 1937.