Sábado, 27 Apr. 2024

Actualizado10:50:26 PM GMT

Estás en Nigrán Os restos do concelleiro Joaquín Iglesias retornan a Nigrán.

Os restos do concelleiro Joaquín Iglesias retornan a Nigrán.

Correo-e Imprimir PDF
joaquiniglesiasportela

Os restos de Joaquín Iglesias Portela, concelleiro electo durante a Repúbica Española asasinado no outono de 1936, serán entregados á súa familia nun acto homenaxe que terá lugar no Salón de Plenos do Concello de Nigrán o próximo sábado 27 de novembro ás 12 horas. No mesmo acto recibiranse os restos dun home deste municipio paseado tamén con Joaquín Iglesias pero do que se descoñece o seu nome e cuxos restos serán trasladados o cimiterio civil municipal do Cean en Nigrán.

No mes de abril do pasado 2009, o Instituto de Estudos Miñoranos (IEM) realizou a exhumación de cinco cadáveres en dúas fosas comúns localizadas en San Xián, concello do Rosal. Os restos foron identificados polo Instituto de Medicina Legal Xenética Forense da Universidade de Santiago de Compostela e pola Unidade de Antropoloxía Forense do Instituto de Medicina Legal de Galicia.

Froito das pescuedas do IEM, na Fosa Nº1 atopáronse tres cadáveres de veciños de Gondomar que foron entregados aos seus familiares o 31 de xullo pasado. Na Fosa Nº2 apareceron dous cadáveres. A práctica forense permitiu identificar a Joaquín Iglesias Portela, veciño de San Pedro da Ramallosa (Nigrán), carpinteiro e concelleiro electo o 31 de maio de 1931 e que tomou posesión xunto co resto da corporación o 5 de xuño de 1931. Aquela corporación democrática foi destituída polo goberno radical-cedista o 25 de outubro de 1933 e reposta o 21 de febreiro de 1936. En data indeterminada, entre finais de agosto e principios de setembro dese mesmo ano, foi asasinado xunto con outra persoa que polas indagacións históricas considerase que era tamén veciño de Nigrán. Estas dúas defuncións nunca foron inscritas no Rexistro Civil do Rosal.

Lembra Ulpiano, fillo de Joaquín, que escoitaba dicir que o viñeran avisar dous mozos da parroquia, veciños, “daqueles aos que lle deron unha camisa azul”, para que se presentase no cuartel da Garda Civil de Baiona. Cando saíu da casa e virou o camiño, botáronse sobre el e levárono preso. Oíu tamén que no cuartel o torturaran salvaxemente e nese labor destacou un falanxista relacionado cunha ferraxería de Sabarís. Nunca máis regresou.

Ulpiano nunca reclamou nada. Só mantivo, en silencio, a memoria do pai, a quen non coñeceu, e o permanente recordo dunha familia indefensa á que os asasinos deixaron na miseria. Só desexaba recuperar os restos do seu pai para gardalos humildemente xunto aos da súa maltratada familia.

O Salón de Plenos do Concello de Nigrán será o lugar onde a familia de Joaquín Iglesias Portela recibirá de mans do Alcalde Efrén Juanes Rodríguez e do IEM os restos. Ese mesmo día inaugurarase a exposición sobre os traballos de exhumación levados a cabo polo IEM nas fosas 1 e 2 de San Xián, O Rosal.