Venres, 17 Maio. 2024

Actualizado10:50:26 PM GMT

Estás en Gondomar Gondomar: BNG+PSOE+CDL=9. Os nacionalistas chaman á asemblea e o CDL achega a súa cadeira.

Gondomar: BNG+PSOE+CDL=9. Os nacionalistas chaman á asemblea e o CDL achega a súa cadeira.

Correo-e Imprimir PDF
Araúxo (BNG), Ferreira (PSOE) e Salgueiro (CDL), as candidatura que poden deixar fora do goberno ao PP.

{plusone}

CDL + PSOE + BNG= 9 . En Gondomar analizan alternativas se o PP non acada a maioría absoluta.

O BNG de Gondomar referendou a Xosé Antón Araúxo nos seus cargos e citou aos seus militantes a unha asemblea para o vindeiro luns de cara a discutir unha posible alianza de goberno con CDL e o PSOE.

O BNG dá o primeiro paso interno para sentarse nunha mesa de negociacións cos socialistas e os representantes do CDL. Unha asemblea de militantes do Bloque foi convocada para o vindeiro luns 6 de xuño co asunto de tomar unha decisión final sobre a política de alianzas de cara á próxima conformación da nova corporación municipal. Dende o PSOE, Francisco Ferreira agarda a decisión dos nacionalistas e confía na súa capacidade para achegar ás partes. Pola súa banda, Natalia Salgueiro declara non ter problema en deixar de lado as diferenzas persoais xurdidas nestes anos con algúns membros do BNG, e poñer a súa cadeira na mesa de conversacións.

A dez días do traspaso de mando, o actual alcalde Martín Urgal pode que non teña claro a quen transmitirá a súa responsabilidade. Fernando Guitián podería ver comprometida as súas posibilidades de acceder á alcaldía de Gondomar de materializarse un pacto de goberno tripartito BNG-PSOE- CDL. Pero para que iso teña lugar deberase producir unha conciliación no seo do BNG o próximo luns, e máis unha serie de compromisos que fagan fiable aos ollos do CDL que o futuro goberno tería en conta as opinións e propostas do grupo liderado por Natalia Salgueiro.

As eleccións municipais deixaron repartidos as prazas de edís da futura corporación da seguinte maneira: 7 PP, 5 BNG, 2 CDL, 2 PSOE e 1 IXG. A maioría simple do PP podería non ser dabondo para investir a Fernando Guitián como alcalde de Gondomar de producirse o acordo tripartito. O candidato popular manifestou a semana pasada estar a desenvolver contactos cos demais partidos a prol de darlle gobernabilidade ao municipio. A dez días da investidura os responsables do CDL, PSOE e o BNG, manifestaron non ter de momento ningunha proposta formal dos populares para unha xuntanza a tal fin.

A historia recente é a causa das maiores dúbidas sobre o posible acordo tripartito. Natalia Salgueiro e mais Ignacio Troncoso, concelleiros do CDL, foron asinantes da moción de censura que expulsou en 2009 a Xosé Antón Araúxo do goberno de Gondomar. Ademais, como membros daquela, da xestora local do PP, foron responsables directos dun plan de goberno que, xunto aos 4 concelleiros tránsfugas do PSOE e mais Move Gondomar,  deixou de lado de forma permanente aos nacionalistas.  Como resposta tanto Salgueiro como Troncoso foron obxecto das críticas de Araúxo e o portavoz do Bloque Pauliño del Río  nos plenos municipais, os que sinalaban aos devanditos concelleiros (daquela membros do PP), de actuar como monicreques do ex alcalde de Gondomar, o popular Carlos Silva. Pero Salgueiro non ten dúbidas "esto es política y estamos dispuestos a dejar de lado problemas personales y ponernos a conversar".Salgueiro dixo estar ao tanto da convocatoria nacionalista e sinalou "Nosotros  estamos dispuestos a hablar con todos".

Pero neste abano de posibilidades en materia de alianzas, o seo do CDL tamén conta. A súa militancia está integrada case na súa totalidade por ex membros do PP que non aceptaron a decisión de Fernando Guitián de non ter en conta a Salgueiro e compañía na súa candidatura. Daquela, o candidato do PP baseou a súa decisión nun suposto pedido da xente de acadar unha "regeneración profunda" no  partido e de xerar unha lista con xente "distinta". A discriminación xerou feridas aínda non pechadas, segundo confesaran a Valminor.info membros do CDL. Por outra banda, nas conversas mantidas por esta Redacción cos principais representantes desta nova corrente política, todos eles reivindicaron ao CDL como un proxecto válido, e a continuar máis alá destas municipais; co que un afastamento dos populares xogaría un papel importante na identificación desta nova proposta por parte da cidadanía de Gondomar.

Consultado o responsable local do Bloque, Xosé "Pepe" Valverde, confirmou que o consello local reunido o pasado martes 31 de maio,  tratou a posibilidade dunha alianza que posibilite acadar "un goberno de alternativa para Gondomar se o PP ten problemas para facerllo". Valverde entende que es Guitián quen "debe mover ficha", por ser a lista mais votada. Sen embargo admitiu que a asemblea de militantes a celebrarse o próximo luns ás 20:30 horas na Casa da Cultura de Gondomar, ten como punto central acadar o apoio das bases para dar un paso na confección dun acordo tripartito.

De feito , moitos nacionalistas non dan por perdida a posibilidade de ver novamente a Araúxo ao fronte do Concello de Gondomar. Neste senso, a devandita mesa referendou nos seus cargos a Araúxo e deu por satisfactorios os resultados destas eleccións, aínda que non rematase nunha maioría para a candidatura do Bloque. Araúxo tiñan o seus cargos a disposición desta mesa dende o pasado 24 de maio, por mor do devandito resultado electoral. Valverde salientou daquela a "altura moral e ética" do candidato, pero xa adiantara que para o BNG o feito antes e durante as eleccións estaba ben, e o resto era unha decisión soberana da cidadanía de Gondomar.

As negociacións serán a tres bandas e os socialistas xogarán un importante papel nesta historia. Francisco "Paco" Ferreira manexa a posibilidade do tripartito dende hai tempo e ten claro que pode ser a "bisagra" que una a nacionalistas e centristas liberais nunha proposta común para Gondomar. No seu diálogo con Valminor.info, Ferreira manifestou a súa expresa vontade de traballar neste senso.

Ningún dos líderes consultados por esta Redacción deu por feita a alianza. Todos falaron de acadar os pasos necesarios para chegar a unha mesa de diálogo, e de estar dispostos a deixar de lado enfrontamentos persoais do pasado. A xuntanza nacionalista do próximo luns será un paso decisivo neste obxectivo, pero se as cousas se precipitan, polo menos dende o BNG o ten claro: "a mesa local ten potestades para decidir por sí mesma unha oferta para que Araúxo sexa o alcalde de Gondomar".