Venres, 17 Maio. 2024

Actualizado10:50:26 PM GMT

Estás en Gondomar A Falange retirouse do debate no IES Auga da Laxe de Gondomar cando Galiza Nova despregou unha pancarta.

A Falange retirouse do debate no IES Auga da Laxe de Gondomar cando Galiza Nova despregou unha pancarta.

Correo-e Imprimir PDF
debate-ies-auga-da-laxe

A mesa redonda que ía celebrarse entre os candidatos ás eleccións municipais de Gondomar no IES Auga da Laxe rematou só nunha comparecencia de Esquerda Unida e o PSOE. Se ben tamén concorreron á cita do Departamento de Filosofía do IES o candidato do PP Fernando Guitián, o número 2 de IXG, Alfonso De Lis e máis José Francisco Castro da Falange Española de las JONS, a irrupción dun grupo de simpatizantes Galiza Nova (mocidade do BNG), cunha pancarta recriminando a presenza deste último na sala, provocou o retiro de Castro e os de Guitián e De Lis. O candidato Antón Araúxo xa tiña anunciado non concorrer por mor dunha decisión do Bloque de non participar en ningún acto onde estivera presente Falange. Feito que confirmou minutos antes do comezo do evento a Valminor.info. Pola súa banda De Lis afirmou a este medio que tanto el como Guitián decidiron abandonar a mesa por entender que os manifestantes xeraban un clima de "intolerancia" que non permitía o normal desenvolvemento da actividade.

A mesa redonda tiña por obxectivo que os alumnos deste centro de ensino puideran logo da exposición de cada grupo facer preguntas aos candidatos presentes. De feito coa presenza da totalidade das candidaturas, menos a xa anunciada ausencia do BNG e a do CDL, o profesor Manuel Anxo Fortes encargouse de moderar as intervencións que comezaron por orde alfabético dos partidos. Así foi que Josué Villar de EU iniciou a rolda de candidatos. Unha vez rematada a intervención de Villar, tocaba quenda ao falanxista José Castro e foi nese intre que de forma silenciosa e de costas aos candidatos os membros de Galiza Nova despregaron unha pancarta coa mensaxe "O FASCISMO NON É DEMOCRACIA. NON QUEREMOS Á FALANGE NOS INSTITUTOS". Foi alí que tanto Fernando Guitián como Alfonso De Lis decidiron abandonar o evento.

Francisco Ferreira (PSOE) e Villar mantivéronse na mesa xunto co moderador Fortes. Villar manifestou a Valminor.info que quedouse no entendido que "esa era a única oportunidade que a xente de Gondomar tiña para ver a tódolos candidatos xuntos e facerlles preguntas". Segundo o candidato de EU, o público ficou sorprendido pola actitude dos candidatos que decidiron marchar. Villar sinalou que tanto De Lis como Guitián saudaron aos membros da mesa antes de partir, pero non puido escoitar a baseamento da súa retirada. Tamén a maioría do público decidiu ficar na sala salvo os membros de Nova Galiza que tamén retiráronse da mesma unha vez feita a protesta.

Logo de rematado o acto, o candidato nacionalista Antón Araúxo achegou aos medios unha nota de Galiza Nova onde a agrupación explica a decisión de non concorrer do BNG. Na mesma afírmase que lamentan "que o resto das forzas políticas, que se presentan ás eleccións municipais, non fixeran o mesmo e se senten ao lado dunha organización fascista". Os nacionalistas entenden que a Falange Española "fai apoloxía da violencia, do machismo, da xenofobia, da ditadura franquista e que defende a supresión de dereitos e liberdades constitucionais."

Dende Galiza Nova enténdese que é un "insulto" que a dirección do IES e o seu "profesorado organizador do debate" permitan a presenza da Falange e reclaman "a rectificación" e as "pertinentes desculpas públicas" a Dirección do Centro IES Auga da Laxe.