Venres, 3 Maio. 2024

Actualizado10:50:26 PM GMT

Estás en Gondomar Confírmase: Natalia Salgueiro é a candidata a alcaldesa dos escindidos do PP Gondomar.

Confírmase: Natalia Salgueiro é a candidata a alcaldesa dos escindidos do PP Gondomar.

Correo-e Imprimir PDF
A política de candidaturas de Rafael Louzán en Gondomar rematou co cisma no partido. (foto arquivo)

A concelleira é ata de agora portavoz municipal do PP de Gondomar , Natalia Salgueiro admitiu a Valminor.info a súa determinación de participar nas próximas eleccións municipais como candidata a alcaldesa polo partido Centro Democrático Liberal (CDL). Aínda portavoz municipal do PP no goberno de Gondomar, Salgueiro compartirá lista con outros compañeiros de ruta como o concelleiro Ignacio Troncoso (Cultura) e Eladio Bargiela (presidente da Xestora Local do PP). Unha pescuda desta Redacción permitiu atopar un blog en formación da recentemente creada CDL Gondomar, rexistrada por Eladio Bargiela o pasado venres 8 de abril. O equipo de Valminor.info intentou en vano comunicarse có aínda presidente local dos populares durante a fin de semana. Ante o infrutuoso dos esforzos, presentouse o achado á portavoz do partido que finalmente, e a pesar de tódalas medidas de cautela e silencio mantidas nos últimos meses recoñeceu o estado de formación da lista por fora do PP e a súa candidatura.

"Cuento con el apoyo de mucha gente del  PP" foron as primeiras palabras da concelleira Natalia Salgueiro quen notábase sorprendida polos resultados da pescuda. A novel candidata do CDL recoñeceu a ruptura co PP, e indicou que nos próximos días darase a publicidade os nomes e lugares das persoas que a acompañarán na lista. A brevidade da conversación non deu lugar a preguntas que deberán contestarse polas vías dos feitos nas próximas horas. Nestes momentos o equipo de goberno de Gondomar é oficialmente do PP pero na realidade está conformado por unha maioría de membros ou simpatizantes do CDL.

Se ben Natalia Selgueiro negouse a afondar no tema, a nova formación contaría co respaldo da totalidade do grupo municipal popular aínda que non todos formarían parte da lista. Tamén puido saber Valminor.info da existencia dun importante número de referentes parroquias "históricos do PP" que darían o seu voto a CDL, sen tampouco participar publicamente da formación. Á corrente podería achegarse tamén algún membro dos non adscritos (ex PSOE), pero a falla de confirmación pública das negociacións por parte dos involucrados impide dar os nomes. A corrente conta ademais co apoio dun número importante do medio centenar de membros da Xestora Local do PP, aínda presidida polo escindido Bargiela.

Un secreto a voces, xa case un berro, afirmaba en Gondomar a existencia dunha ruptura no PP Gondomar dende a chegada de Fernando Guitián ao partido. De feito, o candidato afirmara hai tempo ao xornal Faro de Vigo que non pensaba contar cós actuais concelleiros do grupo municipal popular na futura lista do PP. Logo, a través das mediacións do presidente provincial do partido Rafael Louzán, as afirmacións de Guitián foron matizadas, pero nas conversacións privadas e nos círculos populares o cisma estaba asinado.

Eladio Barguiela na nova web: “Esto es una prueba que estoy haciendo en el blogg,”

O directorio de bitácoras "blog.com.es" aloxa dende o pasado venres 8 de abril a devandita páxina rexistrada polo actual presidente do PP Gondomar Eladio Bargiela, e presenta a seguinte frase a modo de advertencia: “Esto es una prueba que estoy haciendo en el blogg,” . Tamén contén unha fotografía tomada no interior da alcaldía de Gondomar onde aparecen os concelleiros Manuel Gómez (ex PSOE, non adscrito), o alcalde Martín Urgal (PP non afiliado), José Antonio Rodríguez Gallego (PP) e mais a portavoz do grupo municipal popular Natalia Salgueiro.  A imaxe, tomada a finais de marzo "no tiene nada que ver con CDL" afirmou Salgueiro, que informou que tratábase dunha imaxe colocada en forma de proba no deseño da nova web.

De feito, os seguimento desa imaxe permitiu comprobar que formaba parte dun artigo co desafiante título "El verdadero PP de Gondomar se reúne con Ricardo Barros ". A devandita nota foi colgada no blog do PP Gondomar que tamén manexaba Bargiela pero foi dada de baixa o mesmo venres 8 de abril.

O Centro Democrático Liberal é unha formación autodenominada herdeira do antigo Centro Democrático Social de Adolfo Suárez, afiliado ao Partido Europeo de Liberales Demócratas y Reformistas (ELDR). Dende hoxe en Gondomar CDL é a sigla que se identificará a única muller na carreira pola alcaldía da vila e dividirá os votos dos populares no concello.