Sábado, 7 Dec. 2019

Actualizado12:21:09 AM GMT

Estás en Canais Sociedade CABE solicitará dar acollida a refuxiados sirios na Residencia de Tempo Libre en Patos.

CABE solicitará dar acollida a refuxiados sirios na Residencia de Tempo Libre en Patos.

Correo-e Imprimir PDF
refugiados sirios-Hungria-Alemania MDSVID20150908 0064 17

"A Corporación Municipal de Gondomar insta á Xunta de Galicia a que habilite a Residencia de Tempo Libre de Patos como lugar de acollida temporal para as persoas refuxiadas". Este será o texto do acordo que Gondomar Concello Aberto (CABE) levará ao vindeiro pleno de Gondomar o vindeiro 17 de setembro.

O acordo cuxo texto fíxose público, está asinado polo edil nacionalista, Pauliño del Río, actual responsable de Facenda do goberno tripartito de Gondomar. Deste xeito, únense ao reclamo que xa adiantara co mesmo sentido os edís de Nigrán Decide. Medidas que poderán coadxuvar a dar acollida algúns das 14.931 persoas maioritariamente sirias, inda que tamén iraquís e eritreos que chegarán a territorio Español.

Nel expresa que "Gondomar Concello Aberto nace como unha candidatura de unidade para dar resposta aos múltiples problemas que ten o noso Concello. Pero tamén forma parte da súa esencia traballar na política sen perder de vista os acontecementos que afectan ao mundo no que vivimos e dende o concello non descoidar o compromiso coas persoas que sofren cando se precisa. As imaxes que estamos a ver a diario de miles de persoas que foxen da guerra tratando de acceder a Europa son insoportables, e ante a inacción dos gobernos, as persoas de xeito individual ou colectivo están ofrecendo a súa solidariedade para axudar, unha vez máis van por diante".

Afirma que o Concello debe estar "á altura desta mostra de solidariedade e xenerosidade". E lembra que o artigo 14 da Declaración Universal dos Dereitos Humanos di "no caso de persecución, toda persoa ten dereito a buscar asilo en calquera pais".

Expresa que coma ten constatado Bruxelas, "os países da UE violan con total impunidade os dereitos das persoas que solicitan asilo. En concreto, o artigo 18 da carta de Dereitos Fundamentais da UE que, en consonancia co artigo 14 da Declaración de Dereitos Humanos, esixe a salvagarda do dereito de asilo para todas as persoas en clara necesidade de protección internacional".

Advirte que as políticas de inmigración e asilo practicadas en Europa, "guiadas pola obsesión do que os gobernos chaman 'loita contra a inmigración ilega', están a supor unha grave vulneración das nosas leis de asilo e dos tratados internacionais, xa que o bloqueo practicado das fronteiras impide que as persoas que foxen de guerras ou persecucións cheguen a territorio de asilo. Miles de mortos en naufraxios no Mediterráneo, multitude de persoas atrapadas en zonas fronteirizas, mafias facendo negocio con elas para trasladalas a Europa..., todo iso ten como punto de partida unha política de fronteiras cuxo obxectivo non é outro que o de impedir que os refuxiados cheguen aos nosos países".

Lembra que no mundo hai 60 millóns de refuxiados "e non son os países ricos precisamente aqueles que maior número acollen. A guerra de Siria xerou xa máis de catro millóns, dos que os 28 países da Unión Europea acollen a menos do 10% ; só Turquía ten cinco veces máis refuxiados sirios que o conxunto de países da Unión Europea. A Unión Europea está obrigada a cumprir coa Convención de Xenebra sobre Refuxiados e abrir vías accesibles para que as persoas que foxen de guerras ou persecucións entren nos nosos países. As mortes no Mediterráneo e os dramas que viven as familias transportadas polas mafias acabaranse no momento no que se abran as vías seguras".
A experiencia demostra que as barreiras e os arames de espiño non serven para nada. A Comisión Europea ven de facer públicas estes días a cantidade de persoas refuxiadas que debería asumir o estado español: 2.749 (Esta cifra foi incrementada hoxe en 14.931, 160.000 en toda a UE) Galiza debe responder e comprometerse nesta acollida. No noso país temos infraestruturas dispoñibles e adecuadas para albergar a moitas de estas persoas, coma poden ser os dous centros de tempo libre, dependentes da Consellaría de Traballo e Benestar, situados en O Carballiño e Patos. Con 350 e 260 prazas, respectivamente e que por desgraza fican baleiros e sen actividade grande parte do ano. Velaiquí unha oportunidade para utilizados e darlle unha rendabilidade social e xusta. Do mesmo xeito que hai anos moitos países acolleron aos nosos refuxiados, tócanos nesta ocasión ser solidarios con esta catástrofe humanitaria. Xa é hora de abandonar os discursos do pánico económico, do prexuízo cultural e da discriminación étnica e asumir o compromiso de axuda coas persoas cando a precisan".