Venres, 29 Mar. 2024

Actualizado10:50:26 PM GMT

Estás en Canais Economía Mercadona non recibe máis currículums para cubrir os 40 postos de traballo en Porto do Molle.

Mercadona non recibe máis currículums para cubrir os 40 postos de traballo en Porto do Molle.

Correo-e Imprimir PDF

Ángel Martin, Gerente de Licencias de Mercadona Galicia, Alberto Valverde alcalde de Nigrán, Carmen Fernández, Responsable de Relaciones Institucionales de Mercadona Galicia, y Miguel Ferrando, Gerente de RRHH de Pontevedra, A Coruña e Ourense. Imaxe - Concello de NigránOs procesos de selección das empresas instaladas en Porto do Molle parecen desviarse das promesas políticas dos últimos anos de alcanzar acordos coas futuras empresas do parque empresarial co fin de dar prioridade aos veciños de Nigrán á hora de poder optar a un posto de traballo en contrapartida ao impacto xerado polo parque empresarial de 1 millón de metros cadrados.

O último en descartar a apertura dun proceso de selección foi a cadea de supermercados Mercadona. Onte a través da súa páxina oficial en Facebook, e tan só quince días despois de que os representantes da empresa valenciana visitaran Nigrán, Mercadona esvaeceu a esperanza de acadar algún dos 30 - 40 postos de traballo anunciados na visita institucional.

"Buenas tardes Juan, agradecemos tu interés, pero te informamos que actualmente disponemos de suficientes candidaturas para personal de supermercados". Esta foi a resposta que recibiu de Mercadona o presidente da Asociación de Veciños Dunas de Nigrán logo de preguntar polo procedemento para achegar currículums para optar aos postos de traballo anunciados para o supermercado.

Resposta de Mercadona onte respecto da oferta de traballo en Porto do Molle

A noticia do encontro, o pasado 3 de decembro, dos representantes de Mercadona co alcalde de Nigrán, xerou expectación ante o que parecía a apertura dun proceso de selección de persoal para 30 ou 40 postos de traballo co gallo estrea das novas instalacións en Porto do Molle.  A sorpresa chegou onte cando Mercadona confirmaba que o cupo de demanda estaba xa cuberto e non aceptaban máis curriculums.  "Confirmáronnos explicitamente, que non vai haber trato de favor ningún para os veciños e veciñas de Nigrán" sinalaba o representante veciñal. A información era confirmada tamén pola oficina de información de Porto do Molle  "dixéronnos que son as empresas as que levan directamente a xestión da selección dos empregados. Non nos dixeron nada do Concello (de Nigrán)".

Primeiro a través dos xestores de comunicación social da páxina en Facebook de Mercadona, e logo telefonicamente desde Madrid, confirmaron a imposibilidade de inscribirse ou achegar un currículum para optar a un posto de traballo nas novas instalacións que a cadea inaugurará o vindeiro 10 de abril de 2014 en Porto de Molle.

Traballa con nós

A web da empresa, na súa sección de emprego "Trabaja con nosotros",  non permite xa o rexistro de candidaturas como demandantes de emprego  "Le informamos de que en estos momentos no tenemos procesos de selección activos".

A brecha dixital tamén supón outro atranco para as persoas que non teñen acceso á rede, e que en moitas ocasións por desesperación acuden físicamente ás naves en construción das empresas para levar o seu curriculum.

A información sobre o peche do proceso selectivo para Nigrán provocou gran decepción onte entre os veciños que rápidamente comezaron a "viralizar" a resposta de Mercadona nas redes. Na maioría dos casos expresan o seu desagrado e replican ao goberno local o incumprimento da promesa electoral de interceder para que as empresas que se instalen en Porto do Molle oferten postos de traballo aos veciños do concello.

Unha promesa electoral de Valverde que foi obxeto de revancha política o mes de xaneiro do presente ano, cando o PSOE de Nigrán presentou pola vía de urxencia unha moción para que Valverde cumprise os puntos da súa propia moción presentada en 2011, durante o mandato de Juanes, que esixía tamén ese "compromiso" empresarial para por freo ao desemprego en Nigrán. A urxencia da moción fora rexeitada polos votos da bancada popular e non foi debatida no pleno de xaneiro Ver acta do pleno Pax. 16 -18

Os datos do paro en Nigrán estabilízanse pero non diminúen.

Nigrán ten 1785 persoas en situación de desemprego según os datos Ministerio de Traballo actualizados en novembro de 2013.  936 mulleres e 849 homes, sendo o grupo máis afectado as mulleres de entre 25 e 44 anos que supoñen un tercio do total das persoas desempregadas no municipio.

Por sectores, o sector servicios lidera a tasa de desemprego cun total de 1060 persoas desempregadas.