Domingo, 5 Maio. 2024

Actualizado10:50:26 PM GMT

Estás en Val Miñor A triloxía dos Bolechas

A triloxía dos Bolechas

Correo-e Imprimir PDF
Os Bolechas lavan o canPor Carlos Méixome (Publicado no Xornal da Peneira)

Como se dunha aventura polas galaxias ou na salvagarda do  anel protector se tratara a saga miñorá dos Bolechas rematou. Carlos, Loli, Pili, Braulio, Sonia e Tatá Bolechas, acompañados polo Chispa, o sempre vixiante husky siberiano, andaron polo Val Miñor. Os personaxes creados pola farturenta imaxinación e a hábil, rápida e traballada man do Pepe Carreiro encetaron a súa andaina no concello de Baiona, pasaron logo polo de Gondomar e remataron no de Nigrán.

Os Bolechas téñense convertido nuns personaxes de referencia entre os máis cativos. As súas aventuras, sempre dentro da grandeza do cotiá, da sinxeleza do trazo, da curta frase descritiva e do dialogo áxil, son dunha riqueza cultural e dun amor á lingua e ao país que deberían servir de portaestandarte de calquera campaña de normalización lingüística que se prezara. A ben seguro que unha administración minimamente sensíbel con esta cuestión tería xa botado man deles e moito máis unha televisión que cumprise cos seu cometido de pular polo idioma do país e polo desenvolvemento da industria audiovisual.

A primeira das aventuras bolechianas foi O tesouro de Baiona. Na procura do segredo ben agochado os irmáns Bolechas percorren os lugares máis significativos do concello: a fortaleza, a Misericordia, a casa do Concello, a Colexiata. Visitan a Virxe da Rocha e os petroglifos de Sabarís. Patean polo Casco Vello e achéganse ao cruceiro da Trindade ou aos arcos da vella praza da Ribeira. En fin, soben á Pinta e nela viaxan pola ría ata as Estelas.

A segunda fazaña miñorá leva por título O poldro de Gondomar. Ao avó dun amigo dos Bolechas non se lle ocorre mellor cousa que mercar un poldro no curro de Morgadáns. Como o poldro está sen amansar foxe e alá van os Bolechas, Camilo e mais o seu avó descentellados tras el. Pasan por diante da casa do Concello, polo parque da Coelleira, pola praza da abastos, polos pazos da Escola, do Conde, da Mourisca e de Pampillón. Soben ata o Galiñeiro, baixan aos petroglifos de Vincios. Achéganse ao cruceiro de Mañufe e soben ata o de Donas.

O derradeiro capítulo da triloxía é O suceso de Nigrán. Nel uns Bolechas excursionistas son víctimas dun sorprendente ladrón desaprensivo que lles rouba os ovos que levaban para facer a tortilla. Dende a Foz da Ramallosa ao arco visigótico de Panxón. Dende o castro de Chandebrito ao pazo da Touza, pasando polo abrigueiro de Peneites, o parque de Camos ou os montes de Priegue ata rematar en praia Améria. Por todos estes lugares do concello de Nigrán andaron os Bolechas.

� de salientar o papel que desempeñaron tres mulleres para que estas aventuras puideran rematar sobre o papel destes fermosos libriños editados por A Nosa Terra. Elas son Ana María Rodríguez, que foi concelleira de cultura de Baiona, María Luísa López Castro e Ana María Rial Fernández actuais concelleiras de educación de Gondomar e Nigrán respectivamente. Para elas os nosos parabéns por facilitar o labor creativo de Pepe Carreiro.