Alejandro Martínez, corresponsal de La Voz de Galicia no Val Miñor, sufriu o pasado domingo unha agresión no municipio de Oia cando fotografaba desde a rúa as obras de derrubo da última planta do hotel Costa Verde. Ademais da violencia física e verbal o xornalista denuncia que sufriu danos na súa cámara fotográfica que lle foi arrebatada da súa man.
Martínez atopábase só, no momento da agresión. De feito, non era a primeira vez que acudía ao lugar. Xa o fixera no mes de outubro cando recibiu a información de que sobre o devandito establecemento existía unha sentenza xudicial firme de derrube por unha ampliación feita sen axustarse á licenza concedida. Daquela, o xornalista falou cos responsables do hotel para coñecer a súa versión dos feitos, mantendo unha conversación que cualificou como "correcta".
Decatado de que xa comezaran os traballos de demolición, Martínez acudiu á parroquia de Viladesuso (Oia) co fin de informar. Apostado na vía pública, e coa tranquilidade de ter cumpridos os pasos profesionais na cobertura da información, dispúxosé a fotografar o feito. A súa sorpresa foi maiúscula cando viu que a mesma persoa coa que xa tiña falado en termos correctos semanas atrás, baixou da obra e comezou a agredilo.
Segundo publicou na edición deste luns o rotativo galego, a Garda Civil identificou posteriormente á recepcionista e ao responsable do establecemento. O xornalista informou que presentou denuncia xudicial na mañá deste luns.