Luns, 29 Apr. 2024

Actualizado10:50:26 PM GMT

Estás en Nigrán Nigrán afronta 253 mil euros en facturas a avogados en 2013, un 290% máis do previsto.

Nigrán afronta 253 mil euros en facturas a avogados en 2013, un 290% máis do previsto.

Correo-e Imprimir PDF
auditorio-nigran

As arcas municipais teñen que afrontar 253.650€ en concepto de pago de honorarios de avogados por mor dos diversos litixios que enfrontou o Concello de Nigrán no 2013. Este desembolso representa un incremento dun 290% do previsto inicialmente nos orzamentos para ese ano, que era de 65.000€. A maiores o portavoz de Unión Centrista de Nigrán (UCN), Antonio Fernández Comesaña, denuncia que o alcalde Alberto Valverde está “contratando a dedo”, aos profesionais que representan á administración, “xa que se está levando a cabo sen o correspondente expediente de contratación”.

Preitos perdidos

Segundo denuncia Fernández, os preitos  nalgúns casos perdéronse e o Concello foi condenado tamén a sufragar os gastos do avogado contrario. Minutas que nalgunhas casos superan os 100.000€.

Lembra que Nigrán foi condenado a abonar unha indemnización de 312.491€, en concepto de responsabilidade patrimonial, derivada da anulación de dúas licenzas de obra en Monte Lourido. Construcións que foron derribadas en 2007, segundo condena do Xulgado contencioso administrativo número 1, sentencia 39/14, do 17/2/14.

Nigrán camiño a converterse no Concello máis litixioso do Estado.

UCN lamenta a situación en que está levando o alcalde Alberto Valverde ao Concello de Nigrán, que a este ritmo pode converterse “na administración máis litixiosa, non só de toda Galicia, senón tamén a nivel estatal”.

En opinión do edil,  posiblemente “por pretender abocar aos cidadáns de forma reiterada a ter que acudir aos tribunais de xustiza, para exercitar os seus dereitos que en moitos casos puidesen ser negados desde o propio concello, co grave prexuízo que supón para o cidadán, que ten que pagarse o seu propio avogado, mentres que o concello preitea a costa de todos os veciños con avogados externos, cando no persoal municipal existen, a parte do Secretario Xeral, varios licenciados en dereito que ben poderían defender ao concello e sen xerar un maior gasto ás arcas municipais”.

O goberno pretende incrementar as partidas para litixios nun 130% nos orzamentos 2014

O novo orzamento pendente de aprobación para 2014 increméntanse os gastos xurídicos nun 130%, pasando a 150.000€, o que resulta un “gasto excesivo e sen control” que UCN adianta que rexeitará, por entender que “podería afrontarse con medios propios”.

Contratos “a dedo”.

Fernández Comesaña, cuestiona tamén o procedemento, xa que se está levando a cabo, asegura,  sen o correspondente expediente de contratación. Nese senso acusa ao  alcalde de estar “contratando a dedo e de forma directa”, incumprindo a lei de contratos das administracións públicas, evitando así acudir a concurso público “para garantir a igualdade de oportunidades, a libre concorrencia entre os interesados e a publicidade”.