Domingo, 28 Apr. 2024

Actualizado10:50:26 PM GMT

Estás en Gondomar "Habemus convocatoria": a Xunta Veciñal de Morgadáns volverá a reunirse despois de oito meses.

"Habemus convocatoria": a Xunta Veciñal de Morgadáns volverá a reunirse despois de oito meses.

Correo-e Imprimir PDF
mesa morgadans_2011

-A presidencia deixa fóra o tratamento das contas da parroquia e o orzamento para o 2013.

-O vogal Xaime Luxilde renunciará como representante do BNG en Morgadáns tras o seu pasaxe a ANOVA.

-Urbano Esmerode informará dunha alegación feita pola Entidade contra a instalación do parque eólico na Serra do Galiñeiro.

-Luxilde presentará un proxecto para recuperar a canteira de Vilas.

-A xuntanza terá lugar este xoves 13 de decembro ás 19:30 horas no local da Entidade.

Finalmente e logo de oito meses, a Entidade Local Menor de Morgadáns reunirá a súa Xunta Veciñal, iso si sen abordar o tratamento das contas da administración nin os orzamentos para o 2013. " Habemus convocatoria da ELMM Morgadans", sinalou ironicamente o vogal nacionalista Xaime Luxilde de Jesús, ante o chamado feito polo presidente Urbano Esmerode (PP), co sinatura do pasado 4 de decembro. Nembargante botou de menos que a orde do día adiantada non inclúa estes puntos capitais para o futuro da parroquia.

O primeiro punto da orde do día prevé -como é habitual- abordar a aprobación da acta da derradeira xuntanza, do pasado 3 de maio de 2012. Unha instancia que polo xeral trátase as máis das veces nun mero "trámite" pero que nesta ocasión levará a polémica das dúas sesións que a presidencia da Entidade "saltouse", como xa denunciara Luxilde a pasada semana.

O segundo punto da convocatoria prevé a renuncia do vogal Xaime Luxilde como representante do BNG na Entidade. Luxilde, actualmente forma parte da recentemente formada ANOVA e polo tanto, ao igual que o fixeran os cinco concelleiros nacionalistas de Gondomar, pasará a esta nova formación, pasando a integrar o pleno en condición de non adscrito.

Os puntos tres e catro da sesión abordarán dúas propostas do nacionalista, un proxecto de recuperación da canteira abandonada na localidade de Vilas e outra que propón a eliminación de barreiras e valado do cemiterio local.

A continuación, o presidente Urbano Esmerode presentará unha proposta cara a aprobación dos estatutos da Federación Galega de Entidades Locais. Tamén terá lugar por parte da presidencia a presentación de informes relativos a varios escritos presentados pola Entidade á Consellaría de Medio Ambiente e a Consellaría de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria. Segundo adiantara Emerode a pasada semana a este medio, neste punto xustificará a demora na presentación do orzamento 2013 da parroquia ante o atraso na cotización das madeiras do monte que debe expedir Medio Rural, uns dos ingresos fundamentais cos que conta a administración local.

Antes de pasar a "Rogos e preguntas", Esmerode tratará dúas alegacións presentadas pola presidencia da ELM ante o Concello de Gondomar e a Consellaría de Economía e Industrias, relativas ao proxecto de instalación dun parque eólico na Serra do Galiñeiro. Neste punto, segundo informara Esmerode a Valminor.info, a Entidade fixo unha alegación baseada nuns informes técnicos e xurídicos que sinalan unha serie de prexuízos económicos e paisaxísticos que a instalación dos eólicos tería sobre este territorio.