Domingo, 28 Apr. 2024

Actualizado10:50:26 PM GMT

Estás en Gondomar A oposición denuncia ao PP de Morgadáns por gobernar dende hai 8 meses sen convocar á Xunta Veciñal.

A oposición denuncia ao PP de Morgadáns por gobernar dende hai 8 meses sen convocar á Xunta Veciñal.

Correo-e Imprimir PDF
mesa morgadans_2011


- A Xunta Veciñal de Morgadáns leva oito meses sen ser convocada a pesar das peticións da oposición .

- A presidencia da EML omitiu as convocatorias de xullo e outubro ás que estaba obrigada por mandato do Pleno.

-O vogal nacionalista Xaime Luxilde cualifica as omisións como unha "prepotencia máis do PP de Morgadáns", e teme polo futuro das contas da parroquia, aínda sen orzamentos para o 2013.

- O presidente Urbano Esmerode, comprometese a facer a convocatoria dentro dos vindeiros 15 días.

A Entidade Local Menor de Morgadáns leva oito meses sen reunir a súa Xunta Veciñal. Nomeadamente, o seu presidente Urbano Esmerode omitiu as convocatorias correspondentes aos meses de xullo e outubro, posto que por resolución da devandita xunta, os mesmos deben ter unha periodicidade de tres meses. Xaime Luxilde, vocal nacionalista da Entidade cualifica o feito como unha "prepotencia máis do Partido Popular de Morgadáns". O nacionalista asegura ter presentado un escrito o pasado día 6 de novembro, así como varias veces de forma verbal a solicitude dunha convocatoria  inmediata, sen obter aínda unha resposta de parte da presidencia.

O vocal nacionalista, denuncia que as xuntanzas pasaron, de facerse cada dous meses (ata o 2011), a unha periodicidade trimestral por decisión do PP. "A Entidade local, celebrou o seu derradeiro pleno no mes de abril do ano 2012, e ata  hoxe seica non é necesario convocar ou celebrar mais segundo este  criterio", sinala Luxilde

A parroquia de Morgadáns aborda varios temas importantes nestes momentos, nembargante, sinala Luxilde: "Obviamente o presidente da entidade Urbano Esmerode, non considera procedente, acordos relativos, as canteiras de Vilas, os eólicos do Galiñeiro, as prospeccións da África do Sur (terras raras), a reparación de camiños, etc".

Outro elemento que preocupa á oposición é o orzamento da parroquia para o 2013, "que a estas alturas, xa debía estar en posesión dos vogais", sinala Luxilde, "para ser analizados e discutidos. Unha vez mais as contas entre outras cousas non son o forte deste gobernante", puntualiza.

Preocupado por esta situación, Luxilde  salientou que "Hai que lembrarlle a cidadanía e veciños de Morgadáns que un orzamento estimado de 500.000 euros anuais, non pode ser agochado a ninguén". Finalmente, opinou de xeito irónico que "Estes son o tipo de xestores ou desfeitores que son promocionados polo PP, lembran aquilo da raposa… e as mañas…?"

Consultado por estas denuncias, Urbano Esmerode dixo estar ao tanto das peticións presentada por Xaime Luxilde, e desculpou a demora da citación do pleno da entidade, no retraso dalgúns informes, que considera "vitais" para preparar os orzamentos cara ao 2013.

Nomeadamente salientou a demora de Medio Rural na cotización das madeiras do monte da parroquia, uns dos ingresos fundamentais cos que conta a administración local. Agregou que nestes tempos están tamén a pechar moitas das empresas que tiñan feitos alugueres en predios da parroquia, así como atrasos nalgúns pagamentos que fan algúns veciños por terras contratadas, o que coloca algunhas incertezas á hora de conformar as contas para o 2013.

Esmerode afirmou que espera ter solucionado estes problemas no correr da semana que comeza e adiantou que a convocatoria estará feita dentro dos próximos quince días.