Venres, 17 Maio. 2024

Actualizado10:50:26 PM GMT

Estás en Gondomar EU Gondomar prepara un foro sobre Medio Ambiente e nomea a Delvino Domínguez coordinador.

EU Gondomar prepara un foro sobre Medio Ambiente e nomea a Delvino Domínguez coordinador.

Correo-e Imprimir PDF
esquerda-unida-gondomar

Esquerda Unida de Gondomar prepara a súa primeira actividade pública logo das eleccións municipais. Aínda có sabor amargo de quedar fóra da corporación municipal por 9 votos, o grupo entende que debe seguir adiante, e realizará un foro sobre Medio Ambiente a mediados do próximos mes. Entre tanto, Delvino Domínguez, antigo secretario de EU ocupará o cargo de coordinador local ante a ausencia de Josúe Villar que viaxa a Cuba por mor dunha beca de estudos que o terá afastado do concello durante un ano. A secretaría da agrupación quedará a cargo de Borja Domínguez.

424 votos obtivo EU nas recentes eleccións municipais. Unha cifra que por 9 votos os afastou do 5% mínimo do total de sufraxios que a lei electoral require para que un grupo teña dereito a un representante. Sen embargo, a votación da candidatura de Josúe Villar cuadruplicou o mellor rexistro deste partido en Gondomar, de 109 votos en marzo de 2008. Delvino Domínguez entende que diversos factores contribuíron a estes resultados. En primeiro lugar a situación do país e a busca de novas alternativas á crise que non sexan de dereitas. Tamén o feito de que foran una candidatura de xente nova, sen antecedentes nos círculos políticos tradicionais, opina que animou a moitos cidadáns que votaban por primeira vez, o mantiñan unha actitude de abstención nas anteriores campañas, a apoiar a EU.

Gondomar centro e as parroquias de Vincios Chaín e Mañufe foron os lugares onde acadaron os maiores sufraxios. A campaña electoral non foi nada fácil asegura Delvino Domínguez, non tiñan cartos e a maioría da candidatura estaba preparando exames nos seus respectivos estudos. Moita xente non lles cría que eran candidatos dun partido pola extrema xuventude. "Unha señora maior parou na rúa a Josué (Villar) e preguntoulle se era o da fotografía de EU. Non llo podía crer, lle dicía que era moi rapaz, pero ao mesmo tempo esa xuventude animoulla a votar por EU". Como a tódolos grupos, EU sufriu o vandalismo da rotura ou roubo de pancartas, e desfeita de carteis e banderolas, pero o problema era que non había medios para substituílos, asegura Domínguez. Outro elemento que destacou o novo coordinador de EU Gondomar foi o respecto co que foron tratados polas demais candidaturas e grupos políticos ao longo da campaña electoral a pesar de ser debutantes na materia.

Delvino Domínguez entende que agora o traballo será máis duro ao non ter representación no pleno municipal. Pero ten claro que deberán buscar os camiños para que as súas propostas podan chegar a ese ámbito de goberno. Os foros abertos se manterán aínda que un equipo traballa na pescuda de novas dinámicas que os fagan máis atractivos e participativos, asegurou.