Venres, 17 Maio. 2024

Actualizado10:50:26 PM GMT

Estás en Gondomar Fernando Guitián comprometeuse a impulsar A Pasaxe e aprobar o PXOM para reactivar o emprego.

Fernando Guitián comprometeuse a impulsar A Pasaxe e aprobar o PXOM para reactivar o emprego.

Correo-e Imprimir PDF
7-11-2010_007

Apostar ao crecemento do polígono industrial de A Pasaxe e aprobar nun tempo razoable o Plan Xeral de Urbanismo, foron os compromisos asumidos por Fernando Guitián para xerar emprego, durante a presentación da súa candidatura. O candidato popular reivindicou a figura de Ramón “Moncho” Sestelo (ex alcalde de Gondomar 1987-1999), a quen cualificou como a persoa coa que “comparte dúbidas”, o seu “asesor”. Guitián sinalou como necesidades estratéxicas reimpulsar a figura dos Alcaldes de barrios, o impulso á creación da Área Metropolitana de Vigo, e a colaboración estreita entre o Concello e os outros municipios e asociacións do Val Miñor. O lanzamento da candidatura popular contou coa presenza de Alberto Núñez Feijoo e Rafael Louzán, os que asistiron á comida-mitin que congregou a máis de 1200 persoas no pavillón municipal, na tarde deste sábado 7 de maio.

Dirixíndose aos militantes populares, Guitián afirmou que a integración da lista de candidatos respondeu ao “pedido dos propios votantes do PP que querían unha renovación”. Aclarou que a súa intención era que os que non participaran como candidatos igualmente traballaran para o partido, en clara alusión ao grupo escindido liderado por Natalia Salgueiro (CDL). Guitián sinalou que Gondomar necesita tamén renovar a súa imaxe, deixar atrás a crispación política dos últimos anos e buscar os consensos necesarios para sacar adiante as medidas urxentes que o municipio necesita. Para iso, Guitián pediu a confianza dos cidadáns e reclamou ao partido traballar de cara a obter unha maioría absoluta que lle permita gobernar, sen a necesidade de pactos con outros partidos.

Pola súa banda, Rafael Louzán dixo que chamaron “a Fernando (Guitián) para liderar ao PP e ao Concello de Gondomar”. O presidente provincial dos populares foi o encargado de abrir o acto, e inmediatamente despois de destacar a figura de Guitián, resaltou a “magnífica labor de Carlos Silva e Martín Urgal”, ao fronte do Concello de Gondomar. Louzán tamén chamou a traballar por unha maioría absoluta e reivindicou unha modificación na integración das corporacións dos concellos para que “os partidos que gañen gobernen e os que non … á oposición”. Louzán cuestionou os pactos do bipartito PSOE – BNG, e puxo por exemplo o caso de Gondomar onde “unha minoría de 5 concelleiros do BNG gobernaron durante dous anos, porque o pacto do bipartito durou vinte minutos”. O presidente provincial sinalou como logros da administración popular as obras nos campos de fútbol de Gondomar e Chaín, o edificio da Escola de Música de Vincios, actuacións en materia de abastecemento de auga e saneamento, actuacións nas pistas rurais das parroquias e os traballos de mellora nas carreteiras provincias.

O presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijoo reivindicou o seu modelo de xestión autonómica, do que afirmou que xunto có desenvolvido pola autonomía de Madrid son “os que mellor ten controlado o gasto público en España”. Opinou que os modelos de xestión de ambas as dúas administracións se “parecen máis a Alemaña que a Portugal”. Feijoo afirmou que aínda os “2.600 millóns de euros” de débeda que deixou o bipartito e que obriga a Galicia “a pagar nos próximos cinco años 500 millóns de euros anuais”, a Xunta cumpriu os compromisos de cultura, lecer, deportes e saneamento que tiña con Gondomar. Tamén anunciou que o pasado xoves se aprobou unha ampliación de 160.000m2 cadrados do polígono industrial de A Pasaxe, complementando as xestión de regularización das empresas instaladas. Adiantou que xa está comprometida a realización do novo centro de saúde da vila, o que se complementará co novo hospital público de Vigo, que atenderá tamén a zona. Feijoo sinalou a importancia da Área Metropolitana de Vigo para o desenvolvemento da bisbarra. Por último, e dirixíndose a Guitián, dixo que trátase dun candidato “que non ven a aprender, se non que xa ven aprendido”, e que é a persoa idónea para que “en Gondomar a xente volva a confiar en nós”.