Venres, 3 Maio. 2024

Actualizado10:50:26 PM GMT

Estás en Gondomar Esparexidos unha morea de panfletos con ataques a Fernando Guitián nas parroquias de Gondomar.

Esparexidos unha morea de panfletos con ataques a Fernando Guitián nas parroquias de Gondomar.

Correo-e Imprimir PDF
Os panfletos esparexidos por Gondomar contiñan denuncias e insultos contra Fernando Guitián.

O clima político de Gondomar atópase aínda máis tenso dende a mañá do domingo cando unha morea de panfletos anónimos contendo denuncias  e insultos contra Fernando Guitián, candidato a alcalde do PP, atopáronse esparexidos polas parroquias do municipio.

O feito que non é un suceso novo neste municipio miñorano, espertou tanto o rexeitamento unánime das forzas políticas do concello, así como soterradas acusacións responsabilizando a sectores radicais de diversos grupos. Pola súa banda, Fernando Guitián afirmou que ante todo sente "tristeza por este tipo de cousas", e manifestou estar convencido que detrás de todo isto atópanse motivacións antidemocráticas. O candidato popular recibiu telefonicamente e por escrito a solidariedade dos seus pares do PSOE e o BNG.

O panfleto, escrito en castelán e baixo o título "Pobre Gondomar, la que le espera...", non só contén descualificacións a Guitián na súa condición de político se non que tamén inclúe insultos á súa persoa e familia. Guitián amosouse moi doído polas mencións a seu pai, "unha persoa que morreu hai 30 anos", e preguntouse onde está a liña divisoria, o límite da acción política: "teño fillos pequenos", dixo "tamén eles serán vítimas de ataques? ". Fernando Guitián afirmou non entender que se busca con todo isto. "En Gondomar vivimos todos, temos que convivir, teremos que vernos nos plenos, ...Como eliminaremos a tensión e a crispación destes últimos anos en Gondomar con estas cousas? "reflexionou.

O presidente do xestora local do PP sinala aos "radicais das caceroleadas" como responsables.

De momento o Partido Popular se reuniu para deliberar sobre posibles medidas a tomar. Sen embargo o presidente da xestora local, Eladio Bargiela, sinalou como posibles responsables a grupos radicais: "os que comezaron facendo caceroleadas" e que "dende 2009 fan este tipo de cousas" afirmou. Bargiela recordou que un feito similar sucedeulle a el na súa parroquia de Donas durante as festas parroquiais de 2009 na que atopáronse durante a mañá panfletos con ataques a súa persoa e familia. "Isto é unha máis, outro ataque ao PP" afirmou. "Se empeza por caceroleadas e logo todo vale para esta xente".

O socialista Francisco Ferreira e o nacionalista Xosé Antón Araúxo solidarízanse con Fernando Guitián.

Tanto o candidato socialista Francisco Ferreira como o nacionalista Xosé Antón Araúxo solidarizáronse co seu rival electoral Fernando Guitián. No caso do alcaldable socialista, o fixo primeiro telefonicamente o propio domingo e logo por escrito nun comunicado onde expresa a súa convicción de que "en política non vale todo". Ferreira entende que os partidos políticos non deben dar cobertura a este tipo de comportamentos e pola contraria deben "denunciar, perseguir e illar" aos promotores destas iniciativas "denigrantes e antidemocráticas".

Pola súa banda, o ex rexedor gondomareño e actual candidato do BNG Xosé Antón Araúxo opinou que "este domingo alguén mancillou unha vez máis as rúas, os camiños, os adros e as prazas do noso Concello con lixo político. Alguén debeu pensar que non temos crispación abondo e decidiu facer a súa achega particular. Nesta ocasión a vítima foi o candidato do PP á Alcaldía, Fernando Guitán, pero puido ser calquera outro. O que buscan con este tipo de covardías políticas sempre é o mesmo obxectivo: botar lixo enriba da política e dos políticos para xustificar que todos somos iguais. Un discurso proto-fascista contra o que debemos actuar sen fendas mais, sen entrarlle no xogo aos que viven instalados nel." Araúxo manifestou o seu convencemento "de que entre todos e todas conseguiremos facer de Gondomar un lugar onde a política con maiúsculas sirva ao interese xeral e ao progreso do noso Pobo".

Para Alfonso de Lis trátase dun "comportamento nazi".

O 1º Tenente de alcalde de Gondomar Alfonso de Lis afirmou que Fernando Guitián foi vítima dun comportamento nazi, na súa páxina web. O concelleiro non adscrito e tamén candidato a alcalde pola independente Iniciativa por Gondomar, sinala nese escrito que "De seguro que os autores deste atentado, tan vil como o dun terrorista, tratan de sacar rédito político e non é moi desatinado que algún dos autores “intelectuais” (isto é moito presupor) ou materias deste feito, postúlense como a garantía para rexer os destinos deste concello a partires do 22 de maio próximo seguindo as pautas do seu mestre Göebels:  ¡difama que algo queda ...!"

Sobre a tarde do luns, nos círculos políticos da vila manexábanse moitas conxecturas e especulacións sobre o posible ou posibles autores do panfleto. Tamén tíñanse diferentes opinións sobre os motivos que poderían alentar a devandita manobra. No que si atopouse unanimidade nos dirixentes dos partidos foi a certeza de que este tipo de sucesos non benefician a ninguén e danan a todo o sistema político do concello.