Venres, 3 Maio. 2024

Actualizado10:50:26 PM GMT

Estás en Gondomar A ponte de Mañufe podería sufrir un colapso se non se restaura a súa estrutura.

A ponte de Mañufe podería sufrir un colapso se non se restaura a súa estrutura.

Correo-e Imprimir PDF
A ponte de Mañufe durante as crecidas de xaneiro.

A ponte de Mañufe está en perigo. Na súa estrutura atópanse desprazamentos nos planos dos estribos e derribamentos de pezas nos tallamares que ameazan co colapso. A obra ten unha moi probable orixe romana e unha posterior reconstrución hai case un milenio. A vella construción sen embargo soporta a diario o pasaxe permanente de todo tipo de vehículos, incluídos os de gran tonelaxe. A ponte é un emblema da parroquia de Mañufe e un ben de interese cultural de tódolos galegos. O derradeiro mantemento foi hai case 40 anos e a prol de facilitar a circulación vehicular se modificou boa parte do seu porte.

En 2004 Alfonso Soliño Troncoso, arquitecto técnico do concello de Gondomar elaborou un informe detallado da ponte onde reclamaba unha oportuna e "INAPRAZABLE" execución de obras de restauración. A responsabilidade e a potestade de dirixir unha intervención desta natureza e da Deputación de Pontevedra por atoparse esta nunha estrada provincial.

 

O devandito informe de Soliño sinala que na década dos setenta a Deputación intentou mellorar os usos da ponte cunha intervención que a dotou de plataforma de rodadura e de paso de peóns a base dunha estrutura de formigón armado. A zona de paso de peóns foi voada a ambas lados da plataforma orixinal e colocouse unha varanda de protección metálica. Estas obras provocaron a desaparición dos peitorís laterais de granito dispostos dende o ano 1861. A comezos deste século s obras de saneamento integral de Gondomar necesitou escavar debaixo dun dos arco para soterrar a canalización e puido afectar os elementos de apoio.

A avaliación de Alfonso Soliño remata coa "necesaria e indispensable" necesidade de execución dunha ou dúas novas pontes dispostas de tal xeito que permitisen unha mellor comunicación e circulación polos barrios da parroquia. Ao mesmo tempo, intenta poñer en valor a ponte histórica cun melloramento da súa contorna que xunto ao Cruceiro do Lugar do Acordo son testemuña do antigo camiño de Santiago.

A proposta do informe do técnico :

- Estudios complementarios: Análise das característica principais do elemento; análise estrutural para avaliar a estabilidade; valoración de circunstancias e elementos perturbadores que poidan afecta a estabilidade estrutural.

-Intervencións: actuacións de estabilización; eliminación de maleza indesexable na fábrica do elemento; limpeza parcial da canle con eliminación de terra e area que provocan a retención ó paso das augas en caso de enchentes; eliminación de amontoamentos e depósitos de lixo; eliminación de vertidos fecais; eliminación de mobiliario urbano e análise do entorno de emprazamento.

O informe de Alfonso Soliño sinala que "A idea deberá contemplar unha actuación integral desde o cruceiro do Lugar do Acordo ata a propia Ponte, recuperando incluso, os elementos etnográficos existentes o seu redor" aínda cando fora executada por fases, aclara.

A ponte de Mañufe sobre o río Miñor foi declarada Ben de Interese Cultural pola Consellería de Cultura da Xunta de Galicia. A súa historia e arquitectura mereceu o recoñecemento para incluíla na publicación de Pontes Históricas de Galicia do Colexio de Enxeñeiros de Camiños, Canais e Portos en 1991. Nesta obra se informa que formaba parte do antigo camiño a Santiago por Tomiño. Descrita como ponte de "sillería" con arcos de medio punto e tallamares triangulares, de orixe e tipoloxía aparentemente romanas, sufriu modificacións na época medieval. Se estima esta intervención no ano 1140 a partir dunha inscrición nun dos seu piares.