Os traballadores do Parador de Baiona decidiron apoiar tódalas mobilizacións que se convoquen en contra da reforma laboral. No día de onte e logo de manter unha reunión do Comité de Empresa e unha asemblea informativa cos traballadores, asinaron un comunicado público onde subliñan que a reforma terá un efecto negativo sobre a crise e chaman á unidade das centrais sindicais deixando a un lado as diferenzas existentes entre elas, "co obxectivo de conseguir a unidade da clase obreira en contra de unha reforma laboral inxusta e claramente ineficaz".
Nese senso, o sindicato convoca a participar nas manifestacións que terán lugar este domingo 19, convocadas por CCOO e UGT. Concentración que no caso da bisbarra do Val Miñor, corresponderá á citada na cidade de Vigo , no cruzamento Vía Norte con Urzáiz, a partir das 11:30 horas.
A posición dos traballadores do Parador Turístico de Baiona ante a reforma laboral.
Logo de reafirmar a necesaria unidade que debe conducir as mobilizacións en contra da reforma por parte das centrais sindicais, Jorge Carneiro Penedo, Secretario do Comité de Empresa, expresou a Valminor.info, que a devandita reforma terá consecuencias negativas para os traballadores en xeral, pero especialmente "para os que traballamos na empresa pública Paradores de Turismo".
O sindicato denuncia que a empresa terá a capacidade de incumprir os acordos colectivos de xeito unilateral. Polo que reafirman a necesidade de afondar na defensa das instancias de negociación colectiva, como marco de protección das condicións de traballo.
Os traballadores do parador pronunciáronse tamén na defensa dos servizos públicos, como dereito da cidadanía, o control do déficit público a través dun aumento dos ingresos do Estado, máis que con recortes nas prestacións. E unha reforma fiscal baseada nunha recadación orientada pola progresividade fiscal.