A reforma laboral aprobada polo Executivo do presidente Mariano Rajoy, o pasado 10 de febreiro, coloca aos sindicatos maioritarios de Galicia nunha posición radical e oposta aos seus contidos. Nembargante, as distintas centrais de traballadores non lograron unificar criterios nin estratexias nesta primeira semana. Mentres a CNT xa fixo unha concentración o pasado mércores, CCOO e UGT convocan a unha manifestación para o vindeiro domingo, e a CIG sinalou hoxe a data para unha folga xeral en Galicia de xeito unilateral.
Consenso á hora de rexeitar o Real Decreto-ley 3/2012 "de medidas urxentes para a reforma do mercado laboral".
Nunha manifestación conxunta, o pasado mércores, as filiais galegas de CCOO e UGT, cualificaron a reforma laboral como "a agresión máis tremenda aos dereitos dos traballadores do período democrático". Ese mesmo día a CNT galega concentrábase en Santiago e denunciaba que a medida gobernamental fornecía"despedimentos non só máis baratos, senón de balde, contratos propios dos tempos da escravitude, medidas de presión contra as baixas por enfermidade e maternidade, traballo forzoso e non remunerado para quen perciba subsidio."
Na pasada xornada foi a central nacionalista (CIG) a que en rolda de prensa salientou -de forma coincidente coas outras centrais- que a reforma laboral é "o maior ataque que se fixo á clase traballadora desde a transición" e supón "cargarse" o dereito do traballo "tal e como estaba concibido até o de agora." Nese senso, os nacionalistas afirmaron que coa reforma, os empresarios poderán "decidir unilateralmente as condicións laborais da clase traballadora en aspectos básicos como salario, xornada ou mobilidade funcional nas empresas", e negando que vaia favorecer a creación de emprego.
Sen unidade nos actos.
Mentres a CNT saía ás rúas de Santiago a repudiar o Decreto o mércores pasado, a CIG optou por convocar asembleas abertas en distintos centros urbanos 24 horas despois. Pola súa banda, CCOO e UGT farán unha serie de concentracións conxuntas o vindeiro domingo nas principais cidades de Galicia.
Falta de acordo respecto á folga xeral.
O secretario xeral da CIG, Suso Seixo, revelou que " no decurso desta semana, a CIG mantivo reunións con CCOO e UGT para intentar acordar a convocatoria conxunta da folga xeral", sen chegar a un acordo.
De momento, a CIG xa convocou a devandita fola para o próximo xoves 29 de marzo, no entendido que por esas datas no Parlamento español se estará debatendo o Orzamento do Estado, ademais que coincidiría coa convocatoria feita para ese día pola maioría sindical vasca.
Pola súa banda, o secretario xeral de CCOO, Xosé Manuel Sánchez Aguión, sostivo que non descarta que os sindicatos (CCOO e UGT) convoquen unha folga xeral "se o Executivo non rectifica", pero aclarou que non tomarán a decisión en base ás "provocacións do Goberno".
De momento tanto a CCOO como a UGT optan por a mobilización, e un labor de información en todos os centros de traballo. "Non descansaremos ata chegar ao último traballador ou traballadora para explicarlle como lle vai afectar a reforma", sinalou Aguión.
Nembargante para a CIG "existen razóns de sobra para convocar a folga xeral", e acusou a CCOO e UGT de manterse "na ambigüidade".