Martes, 19 Mar. 2024

Actualizado10:50:26 PM GMT

Estás en Canais Cultura Rubén de Lis: o violão de Gondomar que “agita o Brasil”.

Rubén de Lis: o violão de Gondomar que “agita o Brasil”.

Correo-e Imprimir PDF

001-foto-selfie-banda

As tres horas de diferenza con Brasil non sempre as ten presente. "¿Qué tal hermanito?" dispara o Messenger que esquecín silenciar. Hai dous novos discos na rúa e un tour polo Brasil que ben pagan a pena postergar o sono. "Rubén, chámote polo Whatsapp". Como sempre estaremos máis dunha hora falando, el dende a miña América eu dende o seu Gondomar.

O único que vou adiantar é o final da conversa porque sempre é igual: "Bendiciones hermanito, ¡bendiciones!". Rubén de Lis é unha guitarra (violão en Brasil) gondomaresa que voa cargada de flamenquito, pop, rock, dance e vilancicos. Músicas do mundo que aprendera dende os 9 anos nas beiras do Miñor e que agora "agita o Brasil", como ben di a xornalista brasileira Bel Gimenez na "apresentaçao de "O melhor de min" e "Chegou Natal", as novas discografías deste miñorán con sotaques paulistas.

Atópoo eufórico. "Veño de tocar ante doce mil persoas en Río de Janeiro". Penso que iso é equivalente a case toda a veciñanza de Gondomar nun local de concertos. "Vai foto, mando foto", avisa. "Agora seguimos até Nadal con concertos en São Paulo, Fortaleza, Maceió, Pernanbuco, Pará ... e outros que están por verse".

O concerto tivo lugar en Macaé, o terceiro municipio en superficie deste Estado da Federación, tamén coñecido no Brasil como "a capital do petróleo". Na mañá seguinte a versión dixital do xornal local "O Debate", salienta outro aspecto do evento: a organización recadou 12 toneladas de alimentos achegadas polo público.

A alegría de Rubén contaxia. Tanto que xa espantei o sono. El segue falando. Tomo nota de que acaba de obter un galardón dun grupo de medios paulistas polo seu anterior proxecto discográfico "Sotaque flamenco". Achégame unha imaxe do premio e decátome de que ten gravado onda o seu nome un alcume que eu descoñecía: "Manitas de Bronce".

"Guitarrista espanhol agita o Brasil".

"Sua presença no palco contagia através do calor latino tradicional, pois sozinho faz todo tipo de sons e acompanhamentos (baixo e bateria), tudo em tempo real e consegue agitar a plateia, de uma maneira espetacular. Por conta disto, o artista já percorreu o mundo, apresentando sua arte em Dubai, Marrocos, Suíça, Áustria, Portugal, França, República Dominicana e ainda sobra um tempinho para ser colunista da revista brasileira instrumental, Som em Campo sobre Flamenco". Así describe a web sustentahabilidade.com a arte do gondomarés.

Rubén de Lis prepara a súa volta.

Na conversa sinálame que está preparando algo "gordo", algo "grande" co que desexa desembarcar na Galicia a principios do vindeiro ano. Pido detalles pero négase. Quere que sexa sorpresa. Insisto. Volve escusar. Xa estou desvelado así que teño todo o tempo do mundo para insistir, "dime algo para publicar no Valminor.info". "Veña, só che podo dicir que estou preparando un proxecto con sons da miña terra Galicia. Músicas populares que tamén abranguen as raíces celtas coas músicas de Irlanda e Escocia".
Baixo segredo de confesión solta un par de datos máis sobre o proxecto. Se é así, vai deixar pegada. Acredito.