-Os temas interpretados durante o concerto formarán parte do disco 'Suma y sigue', que conta coa colaboración do Concello
-Tamén actuarán na Praza da Alameda a Banda de Gaitas Falcatrúa e a Asociación de Danza Gondomar
O músico e compositor Rubén de Lis actuará o próximo sábado 28 de xullo na Praza da Alameda. Durante o concerto gravaranse en directo algúns dos temas que formarán parte do seu terceiro traballo, Suma y Sigue, que verá a luz nos próximos meses e que conta coa colaboración do Concello para a súa edición. Trátase dunha das actuacións destacadas do programa cultural deseñado pola Concellería de Cultura para este verán, que tamén traerá en agosto a Susana Seivane, Os Terribles de Donas, Sueño de Calíope e Os Irmandiños de Vincios.
Rubén de Lis interpretará en directo a partir das 22:30 horas os temas do que será o seu terceiro traballo, que el mesmo cualifica de "versátil" e cheo de musicalidade e enerxía, que van dende o pop ao rock, con pezas instrumentais.
O concerto de Rubén de Lis é a segunda actuación do ciclo Noites na Alameda, que deixará durante as fins de semana de xullo e agosto música neste espazo. Por el pasarán tamén o venres 27 de xullo a Banda de Gaitas Falcatrúa. Será ás 22:30 horas. E tamén o fará a Asociación de Danza de Gondomar o 29 de xullo ás 20 horas. Este ciclo arrancou o pasado 21 de xullo co Festival Danza Asociación Xuvenil Paradela.
Pola súa banda, a Asociación Folclórica Fíbulas e os Grupos Tradicionais CC Borreiros actuarán o domingo 29 de xullo no Palco da Música da Praza do Concello a partir das 12:30 horas.