Sábado, 18 Maio. 2024

Actualizado10:50:26 PM GMT

Estás en Canais Cultura A primeira moeda que roubou Pepa a Loba está en Xunqueira de Ambía.

A primeira moeda que roubou Pepa a Loba está en Xunqueira de Ambía.

Correo-e Imprimir PDF
IMG 0865

O xeito de coleccionar obxectos cuxa natureza é “para mirar” e non para “usar” ou “comer” na clasificación clásica foi a semente dos gabinetes, cámaras, teatros ou museum que anexaban o complemento “das marabillas” ou “curiosidades”. Estes termos aludían a mobles acondicionados para exhibir as pezas, habitacións adobiadas con multitudes de “rarezas” e ata edificios completos destinados á custodia e divulgación destes amoreamentos que, dende a antigüidade até a chegada dos museos tal cal hoxe coñecemos, saciaban a curiosidade e fantasías dos públicos. Neste escenario transcorre O gabinete das marabillas de Arxentino da Rocha Alamparte (Xerais, 2014), novela dos irmáns Irene e Rodrigo Pérez Pintos con ilustracións de Ramón Trigo e fotografías de Manuel G. Vicente, Lucas Álvarez e mais José Araújo. Cos irmáns Pintos acompañados de Trigo e logo dunha presentación a cargo de Xosé Ramón García (IEM) compartimos un exquisito faladoiro o pasado venres na Aula de Cultura Ponte de Rosas.

A fantástica historia do indiano Arxentino da Rocha Alemparte, protagonista do relato e fornecedor do gabinete, presidiu o acto en dúas caixas de cristal enchidas de “marabillas” que os asistentes tiveron a posibilidade de visitar antes do comezo do coloquio. A primeira falanxe do índice de Inés de Castro, a primeira moeda que roubou Pepa a Loba, o bastidor de costura da muller loba Sabela Menuíña ou o cranio do can de San Roque, todos estaban ou poderían estar alí. Só era cuestión de ser capaces de atopalos. Pequena escolla do gabinete de don Arxentino que ficara nunca visitado en Xunqueira de Ambía, porque a guerra civil impediuno e agora é un tesouro só posible de coñecer nas páxinas desta obra.

Co reloxo de prata do seu avó nas mans, Xosé Ramón García trazou un descritivo panorama daqueles galegos que, tras anos en terras de ultramar, retornaron cun feixe de historias e aparellos testemuños das terras de acollida. Non todos chegaron con cartos de abondo para transformarse en benfeitores –como don Arxentino- nin fundaron gabinetes coas súas pertenzas, pero sen dúbida estas experiencias enriqueceron o imaxinario da sociedade de finais do XIX e principios do XX.

A vida “esaxerada” de Arxentino da Rocha Alemparte abre este libro de libros cunha reconstrución  intensa e moi documentada dos escenarios xeográficos e sociais polos que transitaron moitos daqueles viaxeiros, fillos da Galicia rural que en poucos días convertíanse en cidadáns de metrópoles emerxentes como Montevideo ou Caracas, ás veces noutras terriblemente abraiantes como Bos Aires ou Nova York.  No caso de Arxentino, Irene Pérez Pintos achéganos pasaxes da vida do protagonista pola aínda “exótica” e misteriosa cunca do Amazonas, terras e illas do Caribe e o xigantesco e mítico México. Con calor narrativa, trázanos un perfil de don Arxentino, bailarín de tango, camareiro de cabarés e libertario comprometido coas loitas obreiras no marco da consolidación dos Estados - Nación en América.  Todo isto complementado cos debuxos e ilustracións que en relato paralelo constrúe Ramón Trigo e aderezan as reproducións de xornais, fotografías e carteis da época.

Os “gabinetes de curiosidades, xermolo dos museos contemporáneos” é o segundo libro-capítulo da obra. Froito do traballo de investigación que por máis dunha década desenvolveu Rodrigo Pérez Pintos, licenciado en bioloxía e verdadeiro erudito na evolución destes gabinetes de marabillas. Coa súa compaña percorremos no transcurso do coloquio as máis famosas e interesantes cámaras montadas ao longo da historia. Feito que os lectores poderán gozar de  igual xeito no transcurso das páxinas do capítulo.

Complementan o libro un inventario “parcial” das pezas contidas no gabinete de da Rocha Alemparte e unha escolma ilustrada de “pezas sobranceiras” con fichas catalográficas. Como este marabilloso universo aínda segue sen posibilidade física de ser visitado, pecha a novela un mapa que lle permitirá ao lector  ter o pracer de percorrer coa súa imaxinación o esquecido Museo das Marabillas de Arxentino da Rocha Alemparte na Xunqueira de Ambía.