Domingo, 28 Nov. 2021

Actualizado04:28:43 PM GMT

Estás en Canais Cultura O poeta pontevedrés Carlos Solla acada o IV Premio Victoriano Taibo Entidade Local de Morgadáns.

O poeta pontevedrés Carlos Solla acada o IV Premio Victoriano Taibo Entidade Local de Morgadáns.

Correo-e Imprimir PDF
O poeta pontevedrés Carlos Solla, gañador do IV Premio de Poesía Victoriano Taibo.

Holocausto Zacoe " unha alegoría sobre a situación do idioma e da identidade do pobo galego" segundo a descrición feita da obra polo xurado,  do autor pontevedrés Carlos Solla, é o poemario que gañou o IV Certame de Poesía Victoriano Taibo - Entidade Local de Morgadáns. A obra, escollida entre as máis de 40 que se presentaron a concurso, trata de esquivar con  ironía e humor " o desacougo tráxico que os poemas nos relatan" sobre a situación da nosa lingua. O gañador será premiado coa publicación da obra por parte do Instituto de Estudos Miñoranos, unha obra escultórica do artista Fino Lorenzo e 3.000 euros en metálico.

"Holocausto Zacoe é a demostración de que a poesía é divertimento e mensaxe, un medio para reflexionar e concienciarse da realidade que nos rodea" opinou o xurado.  Carlos Solla naceu en Pontevedra no ano 1971. É profesor de Lingua Galega, escritor e etnógrafo. Membro da Asociación Cultural e Ecoloxista Verbo Xido, da Terra de Montes, e do Grupo de Estudos Etnográficos Serpe Bichoca. Ten unha abundante obra ensaística e etnográficas sobre Cerdedo, o Monte do Seixo e o Río dos Gafos, entre outros, e colabora en media ducia de obras colectivas.

No eido da poesía ten publicados os poemarios Ras e tritongos, 2003, antoloxía poética que inclúe: Xábregho, Mel de arañas e Terras raras. Cerdedo in the Voyager I, 2004 (poesía visual). Libro de reclamacións, 2005 (poesía visual). Pan prós crocodilos, 2010. Recentemente acadou o premio Johan Carballeira co libro Koyi Kabuto. Lume de ollos MazinGZ.

O certame de Poesía Victoriano Taibo – Entidade Local de Morgadáns foi creado no ano 2008 dentro de diversas accións levadas a cabo polo IEM, co patrocinio principal, aínda que non único, da Entidade Local de Morgadáns, que tiñan por obxecto renderlle unha homenaxe ao escritor, poeta e académico Victoriano Taibo, rescatalo do esquecemento no que inxustamente estaba asolagado e vinculalo definitivamente ao lugar onde por máis tempo desenvolveu o seu labor docente e cultural, a parroquia de Morgadáns.

O premio tan recentemente creado tivo unha boa acollida dende o principio, pois nas catro convocatorias que leva rexistradas houbo sempre unha participación de máis de corenta orixinais, con abundancia, en todos os casos, de textos de gran calidade.

O I Premio (entregado en novembro de 2008) recaeu no libro Cultivos Transxénicos do poeta lalinense Carlos Negro.

O II (novembro de 2009) foi concedido ex-aequo a Cuarto Minguante de Mª Carmen Caramés e a Biografía da Multitude: escrito a dúas mans por Elvira Riveiro e Silvia Penas.

O III Premio (decembro 2010) tivo como gañador o poemario titulado Devastacións dispoñibles da poeta arousá Mª Goretti Fariña.