Luns, 29 Apr. 2024

Actualizado10:50:26 PM GMT

Estás en Canais Axenda Máis de 500 persoas participarán no concurso de comparsas de Nigrán

Máis de 500 persoas participarán no concurso de comparsas de Nigrán

Correo-e Imprimir PDF

-Trece comparsas procedentes de Redondela, Vigo, Nigrán, Gondomar, Tomiño, Baiona e Santa María de Oia disputaranse o primeiro premio.

 

O Entroido 2013 de Nigrán comezará o vindeiro sábado 9 de febreiro, coa celebración do tradicional concurso de comparsas, que nesta edición contará coa participación de máis de 500 persoas repartidas en trece comparsas procedentes de Redondela, Vigo, Nigrán, Gondomar, Tomiño, Baiona e Santa María de Oia. Nesta ocasión, e por acordo de todas as comparsas participantes, os 2.800 euros en premios repartiranse entre os trece inscritos.

Tralo éxito da pasada edición, as comparsas repetirán o percorrido, percorrendo a Avda. de Praia América entre Monte Lourido e a explanada do Punto Paixón Praia. No último tramo realizarán unha actuación especial para os membros do xurado, que valorarán a interacción co público así como a orixinalidade e creatividade, da coreografía, o disfrace e a música.

Para o desenvolvemento do desfile a Policía Local procederá ao corte dos accesos á Avda. Praia América entre a Rúa Telleira e a intersección coa Estrada pola Vía -Rúa Lourido Beiramar e Francisca Lago-. Así mesmo, o estacionamento na zona estará prohibido a partir das 7.00 horas. No entanto, e para facilitar o acceso ao evento, o Concello abrirá ao público o aparcamento situado fronte á explanada de Praia América.

Talleres infantís

Despois do concurso de comparsas chegan as actividades para os máis pequenos, coa celebración por primeira vez en Nigrán dun taller disfraces, que terá lugar o luns 11 de febreiro entre as 11.00 e as 14.00 horas, no Pavillón Municipal de Deportes de Panxón. Pola tarde, os máis pequenos poderán lucir os seus modelos nun concurso que se celebrará entre as 16.00 e as 20.00, tamén no pavillón.

Enterro da sardiña

O Enterro da sardiña terá lugar ás 18.00 horas no Centro Comercial de A Ramallosa, desde onde a comitiva fúnebre iniciará un percorrido polas rúas desta zona de Nigrán, ata chegar á praza da rúa Damas Apostólicas, onde se procederá á súa queima.