Martes, 30 Apr. 2024

Actualizado10:50:26 PM GMT

Estás en Canais Axenda Dionisio Pereira presenta o seu libro Loita de clases e represión franquista no mar (1864-1939)

Dionisio Pereira presenta o seu libro Loita de clases e represión franquista no mar (1864-1939)

Correo-e Imprimir PDF
ciclo-baiona

O próximo xoves 24 de novembro de 2011, ás 20:30h. na Capitanía Marítima de Baiona (r/ Elduayen, 20, 1º andar) continua o ciclo "75 anos despois" coa presenza do historiador Dionisio Pereira Dionisio que presentará o seu libro Loita de clases e represión franquista no mar (1864-1939).

No acto tamén será presentado o libro de Gonzalo Amoedo López  A memoria e o esquecemento. O franquismo da provincia de Pontevedra(2010)

O libro de Dionisio Pereira, editado no ano 2010,  toma como fío principal a evolución do asociacionismo mariñeiro en Galicia na etapa contemporánea. Afonda  no desenvolvemento da conflitividade social e laboral no «Mar dos Galegos» dende finais do século XIX e comezos do XX, así como na represión que tras o golpe militar do 18 de xullo de 1936 se dirixiu contra todo este tecido individual e colectivo. Este traballo é o resultado de moitos anos de investigacións  para recuperar, relacionar e interpretar con rigor e veracidade anacos da «memoria dos vencidos» para devolverllos aos seus herdeiros e a toda a cidadanía.

Dionisio Pereira é profesor de Ensino Medio. Xunto con A. Martínez, Manuel González Probados e X. Castro Formou o Colectivo de Historia Xerminal. En 1994 foi elixido primeiro presidente da Federación Galega pola Cultura Marítima e Fluvial, nacida o ano anterior en Ribeira. No ano 2007 viuse envolto nun proceso xudicial a raíz dunha denuncia de familiares de Manuel Gutiérrez Torres, alcalde de Cerdedo desde 1950 e xefe local da Falanxe nos días despois do golpe militar que iniciou a Guerra Civil. Esixíaselle a Dionisio Pereira que se retractase dunha frase publicada no libro A IIª República e a Represión franquista no Concello de Cerdedo (2006)

Pola súa banda Gonzalo Amoedo López no seu libro A memoria e o esquecemento. O franquismo da provincia de Pontevedra (2010), afonda na memoria colectiva ata dar cos que compuxeron o heterodoxo grupo dos erguidos en armas contra a II República, os cómplices necesarios, as razóns da súa alianza e o porqué dos seus actos e do seu acomodo no partido único. Froito da súa pescuda en arquivos do país pouco explorados ata o momento, Gonzalo Amoedo analiza de forma exhaustiva neste libro a organización interna da Falanxe na provincia de Pontevedra.

Gonzalo Amoedo López (Redondela, 1959) é historiador e autor , nalgúns casos coautor de obras de investigación histórica sobre a vila de Redondela, A illa de San Simón e a represión franquista.