O goberno de Gondomar deu un paso importante nesta xornada a prol de destrabar a parálise urbanística que afecta ao municipio dende hai máis de seis anos. A delimitación dos núcleos rurais do municipio, realizadas ao abeiro das normas subsidiarias e complementarias da provincia de Pontevedra de 1991, acadaron os informes favorables dos técnicos municipais (servizos xurídicos e arquitecto municipal) polo que os veciños poderán a partir do vindeiro luns consultar os expedientes administrativos relativos as súas propiedades co fin entre outros cometidos, de solicitar licencias.
Gondomar
Gondomar desbloquea a parálise urbanística e pon a disposición pública as delimitacións dos núcleos rurais.
O BNG propón reducir os soldos dos concelleiros de goberno de Gondomar nun 50%.
Os nacionalistas presentaron nesta xornada por Rexistro Municipal unha moción de acordo na que na súa parte resolutiva solicita ao pleno da corporación municipal acordar "reducir as dedicacións parciais e as dúas exclusivas nun 50% e destinar os cartos desa redución a comedores escolares e programas de emerxencia social." A iniciativa, segundo o BNG, susténtase na actual situación de crise e no convencemento de que o alcalde Fernando Guitián e o seu equipo de goberno "non as merecen pois non están á altura das circunstancias".
EU presentou unha proposta para fornecer a iniciativa popular nos temas municipais de Gondomar.
Co obxectivo de aumentar a participación ciudadá na xestión do goberno local, Esquerda Unida de Gondomar pretende baixar do 15% ao 3% o números de veciños necesarios para exercer o dereito de Iniciativa Popular no ámbito municipal. A iniciativa foi presentada formalmente na pasada xornada ao alcalde Fernando Guitián, quen comprometeuse a estudar a moción e dar unha respota, segundo informou Delvino Domínguez, coordinador local de EU. A proposta de regulamento do exercicio da iniciativa popular, inclúe o ámbito parroquial, cun requisito neste caso do 5% do último censo electoral na devandita parroquia. A partir desta xornada, EU comezará unha rolda de conversacións co resto das agrupacións municipais de Gondomar, a fin de buscar apoios á moción.
Os colectivos de protección dos dereitos dos animais reclaman "contundencia xudicial" no caso da canceira de Vincios.
Varias fosas con cans mortos atopadas na canceira de Vincios por persoal do Seprona determinaron que o propietario do establecemento quedara imputado por orde da fiscal o pasado luns. A inspección tivo lugar a consecuencia das dilixencias abertas pola Fiscalía de Medio Ambiente, logo de varios anos de denuncias de diversas asociacións protectoras de animais e particulares sensibles co tratamento que reciben os cans en situación de abandono.
A Plataforma pola Defensa da Serra do Galiñeiro alegará o borrador da nova ampliación da Rede Natura 2000.
A Plataforma pola Defensa da Serra do Galiñeiro denuncia que unha vez máis O Galiñeiro queda fóra dos espazos a protexer, previstos na ampliación da Rede Natura 2000 que está a desenvolver a Xunta de Galicia. A plataforma, da que forman parte perto de 40 colectivos afectados, adianta que presentará unha alegación ao documento "Borrador do Plan Director da Rede Natura 2000", elaborado pola Dirección Xeral de Conservación da Natureza (Medio Rural), e actualmente sometido ao público ata o vindeiro mes de marzo.
Por mor da crise o Concello de Gondomar fornece o seu Banco de Alimentos.
Case 6.000€ recibirá o Banco de Alimentos de Gondomar, da cesión das asignacións dos 17 concelleiros correspondentes a súa asisntencia ao pasado pleno de febreiro. A medida, proposta polo edil Manuel Gómez (IXG), foi aprobada por maioría dos membros da corporación coa intención de fornecer as arcas deste servizo. O acordo, cumprimenta outro aprobado no mesmo pleno a iniciativa da alcaldía, que implicou a sinatura dun convenio de cesión dun local por parte da Entidade Local Menor de Morgadáns, con destino a centro-almacén e distribución de alimentos para o Banco.
O Pleno de Gondomar debaterá sobre a situación dos animais confinados en Vincios.
-Tras varios anos de denuncias finalmente as reclamacións das protectoras de animais serán debatidas no pleno de Gondomar.
-O BNG presentou hoxe unha moción para que se desenvolva unha investigación á empresa Cánidos Valle Miñor S.L. por un presunto incumprimento da lexislación sobre protección dos animais.
As protectoras iniciaron fai uns días unha campaña na rede Actuable.es onde conseguiron recadar preto de 1800 firmas para solicitar o peche das instalacións e a cancelación do contrato coa citada empresa.
O CIM Gondomar abre inscricións para unha Aula de Adultos gratuíta no municipio.
O Concello de Gondomar chama a inscricións para participar dunha Aula de Adultos. Un proxecto que oferta unha reciclaxe ou perfeccionamento dos saberes para persoas adultas do municipio. A proposta inclúe contidos como xeografía, historia, coñecementos de actualidade, visitas guiadas, arte, etc. Hai 15 prazas dispoñibles e o prazo de inscrición vence o vindeiro 20 de febreiro.
Veciños de Gondomar traballan no reciclaxe de plásticos para embelecer a Alameda da Vila.
Si é veciño de Gondomar non tire os envases plásticos desta semana ao colector de lixo. Un grupo de veciños do municipio está a traballar con eles co fin de embelecer a Alameda da vila cara ao Entroido infantil de febreiro. Para iso, colocaron uns depósitos na fronte da Casa da Cultura e no CDL (a escola vella) de Gondomar, a fin cos veciños acheguen botellas plásticas, envases de iogur, natillas, etc.
JPAGE_CURRENT_OF_TOTAL