Sábado, 12 Oct. 2024

Actualizado10:50:26 PM GMT

Estás en Gondomar A Plataforma pola Defensa da Serra do Galiñeiro alegará o borrador da nova ampliación da Rede Natura 2000.

A Plataforma pola Defensa da Serra do Galiñeiro alegará o borrador da nova ampliación da Rede Natura 2000.

Correo-e Imprimir PDF
dsc 0001

A Plataforma pola Defensa da Serra do Galiñeiro denuncia que unha vez máis O Galiñeiro queda fóra dos espazos a protexer, previstos na ampliación da Rede Natura 2000 que está a desenvolver a Xunta de Galicia. A plataforma, da que forman parte perto de 40 colectivos afectados, adianta que presentará unha alegación ao documento "Borrador do Plan Director da Rede Natura 2000", elaborado pola Dirección Xeral de Conservación da Natureza (Medio Rural), e actualmente sometido ao público ata o vindeiro mes de marzo.

 

O devandito documento - borrador, pretende ampliar a superficie protexida de Galicia dende un 11% do territorio actual a un 16 %. Neste punto, a Plataforma entende que a ampliación "segue sendo insuficiente ante as prerrogativas europea que determinan protección para un 25 % do territorio dos Estados membros da Unión."

A non inclusión da Serra na Rede Natura 2000, fai que quede exposta " a calquera agravio ambiental no presente e no futuro", salienta a Plataforma. Neste punto, lémbrase que O Galiñeiro "alberga cinco hábitats de Interese Comunitario máis outro de Interese Comunitario Prioritario: turbeiras, carrasqueiras, vexetación de rochas silíceas etc. E non só os hábitats son de interese natural senón que a Serra dá acubillo a unha especie vexetal e nove animais que requiren protección estrita segundo as directrices europeas: son narcisos, anfibios, réptiles e morcegos. Para algunhas delas é preciso determinar zonas de especial conservación e outras requiren protección estrita."

Por estes motivos a Plataforma alegará que a Serra do Galiñeiro debe ser incluída como Lugar de Interese Comunitario (LIC) dentro da normativa REDE NATURA 2000.