Un grupo relevante de asociacións culturais, medio ambientais, deportivas e persoalidades involucradas na defensa do patrimonio están a preparar unha serie de medidas co fin de impedir que finalmente se instale un parque eólico na Serra do Galiñeiro. A primeira medida é a convocatoria a unha mesa redonda “Pola Protección da Serra do Galiñeiro”, a celebrarse o próximo martes 28 de decembro na Aula de Cultura Ponte de Rosas do Instituto de Estudos Miñoranos.
O parque da Serra do Galiñeiro integra a Zona 5 das dez en que foi dividida para este fin a Comunidade Autónoma de Galicia. A empresa adxudicataria dos predios correspondentes a zona miñorana é TERRA DO VENTO SRL, da cal é socio único a multinacional ELEMENT POWER ESPAÑA SL segundo información recadada do Boletín Oficial del Registro Mercantil Ourense, de fecha 1 de xunio de 2010. TERRA DO VENTO SRL foi constituída co obxecto social: A promoción, desenvolvemento, construción e explotación de instalacións de produción de enerxía eléctrica a partir de fontes renovables y sen carácter limitativo, de instalacións eólicas. ELEMENT POWER ESPAÑA SL é á súa vez filial da multinacional Hudson Clean Energy Partners con sede nos Estados Unidos de América.
As asociacións a prol da defensa do patrimonio que rexeitan o parque eólico non o terán doado, pois o presidente de ELEMENT POWER, Pedro Víctor Barriuso Otaola, é considerado un experto en materia de enerxías renovables e sobre todo un dirixente empresarial cunha vasta experiencia en confrontar aos grupos ecoloxistas. Pedro Barriuso dirixiu durante 4 anos a Iberdrola Renovables, e logo foi o creador de Helium Energi, empresa asociada ao grupo construtor español Hemeretik. Este grupo vendeu a ELEMENT POWER as súas infraestruturas e contratos en emprendementos enerxéticos, dende ese momento Barriuso está ao fronte da multinacional española – norteamericana.
ELEMENT POWER a través de TERRA DO VENTO SRL, solicitou a adxudicación de 459 MW, e estaba disposta a investir máis de 44 millóns de euros nun proxecto eólico para Galicia que ademais propoñía a creación de case 500 postos de traballo. A empresa só recibiu autorización para instalarse na Serra do Galiñeiro.
Os primeiros pasos en defensa da preservación da Serra do Galiñeiro.
Pola súa banda, os grupos que rexeitan a construción do parque solicitaron ao Concello de Gondomar un pleno urxente para xaneiro de 2011 co fin de que a autoridade municipal denegue o Plan Eólico para o Galiñeiro e preserve a serra no Plan Xeral de Ordenación Territorial que está a elaborar. Tamén está en coñecemento das organizacións que a oficina redactora do Plan de Ordenamento de Recursos Naturais (PORNA), xa entregou a Xunta de Galicia, un documento de ampliación do Parque Natural do Monte Aloia á Serra do Galiñeiro.
Xunto as medidas dirixidas as administracións locais e autonómicas, as asociacións intentarán levar adiante múltiples actividades para sensibilizar a opinión pública. Varias propostas se manexan, entre elas solicitar aos participantes da próxima edición da Carreira de Orientación da Universidade que se celebra no Galiñeiro que luzan unha banda facendo alusión a defensa da serra. O grupo a través dalgunhas institucións elaborará unidades didácticas dirixida a nivel de Ensino Primario e Secundario co fin de sensibilizar as novas xeracións da necesidade de preservar o monte.
Polo de agora, a mesa redonda Pola Protección da Serra do Galiñeiro é a primeira actividade confirmada.
Mesa redonda “Pola Protección da Serra do Galiñeiro”
Na mesa debaterase sobre:
A tramitación das figuras de protección máis acaídas a este espazo.
Os efectos da declaración desas figuras, os usos compatibles e a influenza socioeconómica.
Os valores da serra, claves a destacar ante un estudo de impacto ambiental.
Interveñen:
Francisco J. Benítez Gómez: Biólogo. Director técnico de ALCIONE, consultaría de impacto ambiental.
Adolfo Cordero Rivera: Catedrático de Ecoloxía Evolutiva da Universidade de Vigo. Ex membro do Observatorio Galego sobre a Conservación da Natureza.
Gonzalo Puerto Arribas: Director do Parque Natural de Aloia. Técnico provincial da Rede Natura en Pontevedra.
Convocantes: ADEGA, A RÍA NON SE VENDE, ASOCIACIÓN DE VECIÑOS DE VINCIOS, ASOCIACIÓN "A GROBA", ASOCIACIÓN DE VECIÑOS CASCO VELLO DE VIGO, CENTRO SOCIAL CULTURAL DEPORTIVO DE TAMEIGA "AS PEDRIÑAS", COMUNIDADE DE MONTES DE VINCIOS, CLUB DE ESPELEOLOXIA "O MAÚXO", INSTITUTO DE ESTUDOS MIÑORANOS, MONTAÑEIROS CELTAS, PLATAFORMA POLA DEFENSA DA RÍA DE VIGO "CIES", SALVEMOS MONTEFERRO, S.O.S. GROBA, VERDEGAIA.