Martes, 5 Nov. 2024

Actualizado10:50:26 PM GMT

Estás en Opinion Cartas SOS a Groba. Carta dun cidadán galego

SOS a Groba. Carta dun cidadán galego

Correo-e Imprimir PDF
Parque Eólico de Carnota

S.O.S.  A SERRA DA GROBA EN PERIGO

O que queda a vista dos nosos ollos é o resultado do traballo que fai a natureza ao longo de millons de anos. Dende  hai  uns 4 ou 5 mil anos,o home comezou a mudar a fisonomía da paisaxe facendo coas súas mans obras que modificaban aquelo que se vía e, ata aquil intre, só a forza da natureza moldeaba.

 

Comezou un tempo de construcción e deconstrucción que foi evoluindo ao mesmo tempo que o propio ser que o producía. Apareceu a Cultura como unha obra feita aos poucos polas mans do home e o seu devir “creador” (máis ben modificador e ordeador, pois todo está aí dende os principios evoluíndo e transfromandose). A  descuberta dun animal que se vai facendo home e dominando a outras especies que conviven nun mesmo ecosistema, vai destruindo e creando, e facendo que cada vez as demandas culturais (todo o feito polo man creadora e modificadora do xa home) sexan máis.

Non é lugar para explicar todo o que aconteceu nestes catro mil ultimos anos nesta terra que habitamos, neste recuncho que aboia nas augas dos océanos mudando día a día, aínda que pareza que non nos queremos dar conta. A cultura, agora imos a chamarlle “ técnica”, fainos ter memoria( auditiva, visual e tamén “inconsciente”) nun plano real inmediato e persistente: arte, literatura, medios de comunicación, ensino, relixión… que nos amosa a cotío o real e imaxinado: presente, pasado e futuro. Analizamos o que aconteceu e co “coñecemento científico” somos quen de interpretar o pasado. Comentamos e vivímolo presente inmediato do que sucede en calquera lugar do mundo simultaneamente. Facemos proxeccións e prediccións do que vai a suceder en base aos coñecementos que temos.

Pois ben: aínda así seguimos a trabucarnos e repetir accións e omisións que o saber e o coñecemento nos din que non son boas para a humanidade.

Non abonda con repetilo día a día. Seguimos nun camiño que non ten un final feliz, e apesares diso, deixamonos ir como si non nons interesara o que vai pasar, como crendo que a nós non nos vai tocar.

Hai quen pensa por nós. Hai quen actúa por nós. Hai quen só pensa na praga do secúlo XX que   aínda non deixou de medrar no XXI ( non  esclusiva destes doús séculos): o beneficio e/ou ganancia.

Mentres alguén considere que sae beneficiado dalgún xeito, non importa  como, seguese a consruir/deconstruir para acadar os obxectivos previstos. Para iso,  aprendemos a facer o que eu chamaría modificacións interesadas de opinións en base a balanza de esforzo/ beneficio. A  teoría da comodidade:todo beneficio aproveitado que implique pouco esforzo é bo”.

Todo isto necesita de axentes productores de beneficio,de comodidade. Activos e pasivos, directos e indirectos. Modificadores de conducta, pensamento, opinión… estrategas do por que.

 

O PARQUE EÓLICO ALVARIÑO I DA SERRA DA GROBA 

Despois de moitos anos loitando por que a xente tomara conciencia de que este planeta noso non pode soportar o ritmo que lle estamos a impor, en canto a verquidos aos mares e ao ar de materias contaminantes e gases, chegamos a un punto no que nos atopamos cunha aparente contradicción –dende o punto de vista dos defensores do capital-: a necesidade de pórlle por qués ao desenrolo da enerxía eólica no noso país.

As cousas haínas que analizar polo miudo e ver os pros e os contras de cada unha das actuazións. No caso que nos ocupa,  a implantación do parque eolico Alvariño I en terras da Serra de a Groba. Dous millons de metros cadrados da Serra da Groba van a ser afectados para construir un parque eólico que nunha primeira fase levará 21 aeroxeradores.Calquera que vexa a información dirá : “ Non é para tanto. Só son 21 e, asemade, dispersos nun área moi grande”. Pois ben, ista é a miña opinión ao respecto e a explicación da miña negativa a súa implantación.

 

  1. É urxente e necesario definir ata onde e como imos desenrolar a enerxía eólica no noso pais. A ocupación extensiva de tódalas serras e monte galegos (logo viran as rías e os mares) ten custes que non se ven explicados en nengún estudo de “impacto ambiental”. A relación custe/beneficio segue sendo discutible e , máis aínda o reparto do beneficio e o dos custes. É unha falacia decir que o custe o asume a empresa que monta o parque eólico deixando de lado aos propietarios dos montes e a propia comunidade toda, que perde valores de dificil cuantificación. E aí, falando de comunidade , estoume a referir a todo o noso país.
  2. Si partimos da premisa que se está a partir, é decirfalar só de diñeiro, de beneficio monetario, estamos a falsear a realidade. Hai cousas as que non se lle pode pór precio e non se poden tasar simplemente en euros.Por outra banda, non se estan sequera a tasar. A contaminación  visual e perda da riqueza paisaxística (na serra da Groba iste é un valor inmenso, que eu creo incuantificable para unha mente sensibel), a repercusión e influencia sobre a fauna e a flora, os efectos sobre o clima e/ou microclima, a desaparición de patrimonio etnográfico de grande valor, a repercusión sobor do patrimonio arqueolóxico catalogado e o non catalogado.
  3. O beneficio real dos propietarios e usuarios do monte ( persoas e animais) vai a ser ínfimo comparado co que saca  a xente allea ao uso e dominio da terra ao longo dos séculos. Os que nunca se preocuparon por ela nin teñen maís interese que o temporal ( mentres duren os beneficios a curto prazo) van a sacar unha grande tallada, e os demais van a perder para sempre ( valores irrecuperableis de carácter ecolóxico que só co paso de millons de anos se construiron e que se perden en moi pouco tempo- a paisaxe,  o clima e a implantación de especies vexetais e animais-).
    Estan a falar de cederlle aos propietaros sobre o 1% do beneficio total da explotación, claro está, sen cuantificar o que se perde e que ninguén asume como perda, pois non se admite a tal perda.
  4. As relacións causa efectos imputables a casualidade.Datos concretos: no ano 2006 arde a maioría da serra da Groba. Grandes perdas económicas, din os xornais e as xentes do común. Perdas irreparables, digo eu ( especies vexetais, insectos, pequenos mamiferos, petroglifos, cabalos, capa de solo, terra erosionada, muiños de auga, pontes, árbores centenarias, traídas de auga, mananciais…) Cada unha de estas perdas ten nomes e apelidos e non estan postas ao chou, e aquil que esté interesado pódolle facer ou pasar unha relación exaustiva con cada un dos detalles. Maís datos: abrense novas pistas e ancheanse algunhas existentes, nalguns casos con anchos esaxerados para zonas  de monte nas que non é recomendado o transito de vehiculos a motor. Modificanse escorrentías e deixase o monte pelado pola tala do queimado. Pérdese o “valor cuantificable por peritos”,  e os propietarios falan de ruina.Incendios e chuvias torrenciais arruinam ás comunidades de montes e de augas con perdas de patrimonio tasado en euros. Pasados poucos meses, cando a xente está a notar realmente as perdas, ben a salvación: oferta de diñeiro pagadeiro anualmente que “compensa” a perda de ingresos futura por non ter arbores para talar alomenos en 20-25 anos.Casualidade.
  5. E,  por último, dúas cuestións: Unha. A implantación dos parques eólicos considerase de interese público co cal a cidadanía teóricamente beneficiada non o é tal, pois a quen se beneficia e ao que quere implantalo nunha terra que non lle pertenece e pola que só ten un interese económico puntual, producindo no caso da negativa dos autenticos propietaros do monte atrancos e pegas para a defensa do seu. Beneficiase ao alleo e, permítanme a palabra, especulador, pois , ao remate, de iso se trata. Dúas. O papel da administración, neste caso a Consellería de Industria. Non me cabe dúbida de que cumpren con tódolos regulamentos e leis existentes,- só faltaría que así non fose (exemplo: cidade da cultura cos gobernos de Fraga).
    Teoricamente a administración sempre cumpre coa arañeira de decretos que eles mesmos tecen para que a xente do común nos perdamos e renunciemos a reclamar o que consideramos xusto, por mor de gastos en tempo e diñeiro, que as veces non temos, para pleitear con grandes empresas e administracións poderosas.
    Mais, un pero: non lles parece que sacar no mes de agosto a exposición pública e o periodo de alegacións é un pouco/ moito ir contra o interese da cidadanía?. Quen axuda ao cidadán de a pé a facer no mes de agosto ( si se entera) unha alegación contra da animalada proxectada  que, eu considero, estraga a Serra da Groba. Mudarón os tempos?. Mudaron as formas?.
    Mudou o goberno? Onde están as cousas claras, informando ás xentes das avantaxes e os inconvintes?. Que sabe a xente de tecnicismos e decretos?
  6. A sociedade civil organizada e sen organizar ten que por aos políticos no seu sitio. Os burócratas e funcionarios fan sempre o mesmo, e o diñeiro leva sempre o mesmo camiño. Os defectos dos políticos e empresarios pagámolos todos sempre, e o pobo esta farto de ver como nunca pasa nada ante os erros dos que mandan.
  7. Non existe un decreto que prohibe urbanizar os solos queimados? Non sería este un xeito de “urbanizar o monte”: creación de pistas anchas, acometidas e conduccións soterradas e aéreas, levantamento de torres xigantescas de metal que ocupan  unha ampla extensión de solo. Volvemos ao principio: a cualificación de interese público de istas intervencións e as relacións causa efecto.

Por todo o exposto:

 Eu, cidadán libre, sen maís argumentos e saberes que os que me da a miña sensibilidade e a miña memoria arcaica (isa que temos dentro do cerebro e que non somos conscientes dela máis que en casos de apuro e de extrema gravidade), patrimonio herdado dos meus ancestros, que non sei de leis, que nunca fun a un avogado, que coñezo a terra que piso por que a respecto, amo e coido,

 

 E POLO TANTO SOLICITO:

NON SE CONSTRUA O PARQUE EÓLICO  ALVARIÑO I NA SERRA DA GROBA, e se se considera, se me permita argumentar verbalmente todo o que eiqui non poiden escribir, como afectado directo e defensor de min mesmo e dos que non teñen voz e si dereito. A saber: os cabalos do monte, os paxaros, morcegos, insectos, as vacas, ovellas e cabras, as raposas e os coellos e lebres. As herbas, árbores, fentos e brions. Os cotos, outeiros, penedas, regueiros, regatos e ríos. As tomadas, camiños, valados, coutadas, foxos do lobo, presas e castelos, muiños e peares, corredoiras,  lousas e carreiros. Os petroglifos, as mámoas, as cerradiñas, os castros e a terra sacra que os ollos ven, e as levadas, rairos e mananciais, as augas que abrollan sen pai nen nai e paren fillos que son regueiros, despois regatos, logo ríos. O ceo limpo, o hourizonte e ao lonxe o mar, e os milleiros de nomes que a terra ten para cada un dos recantos, e que me foron dados como tesouro a preservar que non quero permitir que se estrague, alomenos mentres me queden folgos para falar alí onde sexa preciso e ante quen corresponda.

 

Na Serra de A Groba a 27 días de agosto de 2007
Xilberte Manso de la Torre, cidadán galego.