Luns, 2 Dec. 2024

Actualizado10:50:26 PM GMT

Estás en Gondomar O PP de Gondomar rexeita o parque eólico en Vincios e espera a decisión de Morgadáns.

O PP de Gondomar rexeita o parque eólico en Vincios e espera a decisión de Morgadáns.

Correo-e Imprimir PDF
montegalineiro

O PP Gondomar acompañará aos comuñeiros de Vincios no intento de liberar as 420 hectáreas de monte que quedaron comprometidas ao proxecto eólico da Xunta de Galicia informou a Valminor.info Eladio Bargiela Durán, secretario persoal do Alcalde e presidente local dos populares. A tal fin o goberno convocou a comisión informativa do Pleno para este venres 7, na que estará presente unha representación da Comunidade de Montes de Vincios. A intención dos populares, sinalou Bargiela, é conseguir unha posición monolítica e unánime dos grupos de cara ao Pleno Extraordinario que definirá a posición da corporación gondomareña. No Pleno extraordinario que tería lugar a próxima semana os populares queren tratar por separado os casos de Vincios e Morgadáns por entender que son realidades diferentes.

O PP busca obter unha posición unánime sobre Vincios das agrupacións políticas con representación no Pleno, informou Bargiela, para así chegar “fortes” á reunión co conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas da Xunta Agustín Hernández. Bargiela se mostrou confiado en obter unha declaración favorable aos intereses dos comuñeiros de parte do goberno autonómico, “como xa sucedeu no pasado” agregou, en referencia a obtención en 2002 dun Acto de Prevalencia que evitou a instalación dunha macro canteira no monte.

O presidente dos populares de Gondomar confirmou que xa tiñan comprometida a decisión dende que a asemblea da Comunidade de Montes resolveu por ampla maioría rexeitar o parque eólico. “É a voz do pobo”, afirmou Barigiela, e sinalou que por parte do goberno municipal “ non corresponde outra cousa que facer o que a xente pide.”

A espera de Morgadáns.

Con relación a Morgadáns, os populares queren esperar o pronunciamento da Entidade Local Menor que administra os montes da parroquia, presidida por Urbano Esmerode Domínguez (PP). Se ben de momento Esmerode non se manifestou contrario a instalación do parque eólico, nunha nota con Valminor.info expresou a súa preocupación para que a Entidade conte có asesoramento necesario antes de tomar unha resolución. Nesa nota tamén dixo que desexaba buscar consenso coa representación nacionalista no Pleno de Morgadáns.

Eladio Bargiela entende que o goberno municipal non debe intervir ata que a propia administración local non tome posición.