
O concello de Nigrán deberá iniciar o expediente de solicitude de retirada da Axencia de Protección da Legalidade Urbanística (APLU) por mandato do pleno municipal. David Giráldez, o que fora 1º Tenente de Alcalde no mandato de Juanes, foi o portavoz da iniciativa que promoveu o seu grupo non adscrito (ex BNG) baseada nos “resultados non satisfactorios” da xestión da APLU. Segundo os autores da moción, a axencia autonómica non reportou ao concello ningunha execución dos expedientes a ela delegados, nin ingresou os cartos do 50% das multas e sancións impostas aos infractores nestes dos últimos anos. A moción dos nacionalistas non adscritos foi aprobada cos votos dos concelleiros do PP e UCN. Pola súa banda, Juanes afirmou que a APLU cumpre un labor de control urbanístico importante, e que “todos sabemos que con isto a cousa irá peor”, afirmou en relación á moción. “A cuestión de fondo é que o goberno perda unha votación”, afirmou Juanes unha vez que a rolda de portavoces anunciaba a derrota da posición do goberno.