Mércores, 3 Jul. 2024

Actualizado10:50:26 PM GMT

Estás en Nigrán Nigrán quedará fóra da Axencia de Protección da Legalidade Urbanística

Nigrán quedará fóra da Axencia de Protección da Legalidade Urbanística

Correo-e Imprimir PDF
A oposición ordenou ao alcalde Efrén Juanes retirar a Nigrán da APLU.(foto de arquivo)

O concello de Nigrán deberá iniciar o expediente de solicitude de retirada da Axencia de Protección da Legalidade Urbanística (APLU) por mandato do pleno municipal. David Giráldez, o que fora 1º Tenente de Alcalde no mandato de Juanes, foi o portavoz da iniciativa que promoveu o seu grupo non adscrito (ex BNG) baseada nos “resultados non satisfactorios” da xestión da APLU. Segundo os autores da moción, a axencia autonómica non reportou ao concello ningunha execución dos expedientes a ela delegados, nin ingresou os cartos do 50% das multas e sancións impostas aos infractores nestes dos últimos anos. A moción dos nacionalistas non adscritos foi aprobada cos votos dos concelleiros do PP e UCN. Pola súa banda, Juanes afirmou que a APLU cumpre un labor de control urbanístico importante, e que “todos sabemos que con isto a cousa irá peor”, afirmou en relación á moción. “A cuestión de fondo é que o goberno perda unha votación”, afirmou Juanes unha vez que a rolda de portavoces anunciaba a derrota da posición do goberno.

O convenio que une ao Concello de Nigrán coa APLU entrou en vixencia en abril de 2009. Segundo a normativa que rexe esta entidade organicamente adscrita á Consellaría de Medio Ambiente, os concellos voluntariamente adheridos á mesma poden delegar nesta expedientes relativos ao control e fiscalización do eido urbanístico. Segundo o informado por Giráldez, na súa maioría, os expedientes delegados por Nigrán correspondían aos casos de intervencións en chans rústicos o urbanizables carentes de instrumentos de planeamento sectorial. A maior crítica exposta polos nacionalistas non adscritos (que daquela votaron a favor do ingreso a APLU), é que mentres están paralizados os casos ingresados á axencia, os expedientes en mans do Concello como nos casos de Chandebrito se executan e se aplican multas coercitivas.

A oposición atopou unidade neste tema. Alberto Valverde, voceiro dos populares fundamentou o seu voto nunha actitude de coherencia coa súa posición orixinaria de non aprobar o ingreso do concello á APLU. Tamén recordou que nese momento o bipartito que gobernaba Nigrán, asegurou que coa delegación de expedientes, a Concellería de Urbanismo tería máis recursos para destinarllos a planificación urbanística, cousa que non se fixo, asegurou. Valverde aproveitou o debate para recordar as inadecuadas condicións na que traballan os funcionario de urbanismo do concello na pequena oficina na que foron trasladados polo actual goberno.

Pola súa banda, Antonio Fernández Comesaña (UCN) opinou que só están adheridos á APLU os concellos menores a 5 mil habitantes, xa que a devandita axencia está creada para atender esas realidades en non ten recursos para concellos da dimensión de Nigrán. Afirmou tamén que é inaceptable que a oficina de urbanismo de Nigrán só atenda os público un so día á semana.

Giraldéz matizou o seu apoio ao ingreso na APLU en 2009 no entendido que sempre foi unha aceptación crítica. Unha posición que asegura deixou asentada nas actas dos plenos. O concelleiro afirmou a Valminor.info que a oposición do goberno do PSOE á moción non se xustifica na presunta colaboración da APLU no labor urbanística, se non nunha manobra para evitar o custe político que xeran as execucións.

O alcalde Efrén Juanes manifestou que tiña a promesa das autoridades da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas de aportar máis medios á APLU, a afirmou que os concelleiros populares "creen pouco no seu goberno de Galicia" ao votar a favor da saída de Nigrán da axencia. Acusación á que Alberto Valverde respondeu afirmando que non lle preocupa "o que me poden dicir de Pontevedra o Santiago", e que si daquela dixo que non , agora tamén o dis. Neste intre manifestou a súa coincidencia con Giráldez en canto non pecha a futura reintegración á APLU se esta mellora.