Mércores, 3 Jul. 2024

Actualizado10:50:26 PM GMT

Estás en Nigrán Candidatura confirmada e rebeldía admitida: o Comité Electoral do PP ratificou a A. Valverde.

Candidatura confirmada e rebeldía admitida: o Comité Electoral do PP ratificou a A. Valverde.

Correo-e Imprimir PDF
Alberto Valverde na AAVV de San Pedro.

De xeito distendido, cun sorriso permanente, dando contas do actuado como oposición e formulando propostas de cara ao futuro, Alberto Valverde, candidato a alcalde polo PP de Nigrán someteuse a un interrogatorio de máis de hora e media por parte dunhas cincuenta persoas na Asociación de Veciños de San Pedro, o pasado sábado. A xuntanza producíase a poucas horas da confirmación da candidatura de Valverde por parte do Comité Electoral Provincial do PP. Unha confirmación que non poucos puxeron en dúbida nos derradeiros días de febreiro logo de dúas instancias nas que Valverde quedou en posición contraria ás directivas dos dirixentes provincias e tamén dos de Santiago.

"E lóxico que as autoridades da Xunta defendan á APLU" (Axencia de Protección da Legalidade Urbanística), opinaba Valverde logo de rematar a reunión en San Pedro. A resolución do pleno de Nigrán de retirar ao concello da APLU apoiada cos votos dos 5 concelleiros populares o pasado mércores deixaba mal parado ao propio presidente Alberto Núñez Feijóo que nese mesmo intre exaltaba as bondades da devandita axencia. A pesar diso o dirixente local mantiña que a súa responsabilidade é defender os intereses do concello e de feito, para Valverde a delegación de expedientes fixo perder cartos á administración local e pon enriba dos poucos expedientes resoltos "en dous anos non chegou un só euro a Nigrán", afirmaba.

Esta postura de Alberto Valverde lle valeu o reproche ata do propio alcalde socialista Efrén Juanes pola súa "falla de apoio ao labor do seu propio partido na Xunta", en relación a súa postura coa APLU. Sentencia á que Valverde respondeu cun claro "Non teño medo ao que me digan en Pontevedra ou en Santiago" no mesmo pleno municipal. De feito dende a capital autonómica tanto o Conselleiro de Presidencia e Secretario Xeral do PP-G Alfonso Rueda, como o Conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Agustín Hernández non se cortaron á hora de manifestar o seu desacordo coa postura do PP de Nigrán, en especial coas argumentacións esgrimidas por Valverde no pleno. Cabe recordar que ambos os dous conselleiros foron os representantes do PP galego que presentaron e fundamentaron a candidatura de Valverde ao Concello de Nigrán no Hotel Miramar en decembro pasado.

Tampouco estaba afastada no tempo a xornada na que o presidente da Deputación de Pontevedra manifestaba ante consulta de Valminor.info que en Nigrán non estaba pechada ningunha negociación ata o próximo 22 de abril. Deste xeito, Rafael Louzán desautorizaba o resolto poucas horas antes pola unanimidade do PP de Nigrán que decidía cortar o diálogo con Antonio Fernández Comesaña, líder da UCN. Cando o mesmo día pola noite consultábase a Valverde sobre o dito polo xefe provincial o concelleiro no dubidou: por respecto aos seus compañeiros mantiña a decisión e de haber reclamo da dirixencia provincial "farase o que se teña que facer", afirmaba.

Inclusive na propia xuntanza en San Pedro, Valverde animou á participación dende o propio concello, para que cheguen propostas ás autoridades provincias ou autonómicas a prol de solucionar os problemas de Nigrán dende a propia poboación implicada. De xeito reiterado, Valverde sostivo que "ninguén mellor que nós" para saber qué necesita Nigrán, "Se ás solucións aos nosos problemas teñen que vir sempre dende Santiago, estamos apañados!" sentenciaba.

Se ben a xuntanza tiña carácter de "reunión informativa" e non de acto electoral, o presidente e candidato local deixou ao auditorio algunhas medidas e compromisos que marcan unha clara aliñación coas políticas populares: cuestionamento aos gobernos bipartitos, apio a nova lei de augas da actual Xunta, ampliación aos máximos permitidos pola lei dos Núcleos rurais no novo PXOM do concello, e desacordo total coas políticas de emprego e inversións da actual administración socialista. Propostas que os populares desenvolverán no programa electoral que acompañará a lista definitiva de concelleiros a develar nos próximos días.

O estado de situación da candidatura de Alberto Valverde neste mes de febreiro, comezou sento tema da axenda no concello de Nigrán e rematou nos titulares de tódala prensa galega. Pero os feitos máis cas declaracións amosan de momento unha sentencia clara: o Comité Electoral do Partido Popular confirmou a candidatura á alcaldía de Nigrán de Alberto Valverde.