Mércores, 3 Jul. 2024

Actualizado10:50:26 PM GMT

Estás en Nigrán Crónica: 21 días co centro dereita de Nigrán .

Crónica: 21 días co centro dereita de Nigrán .

Correo-e Imprimir PDF
PP e UCN dan por rotas as súas negociacións

Dende o 14 de xaneiro ao 3 de febreiro pasado o Partido Popular desenvolveu unha estratexia política que estivo a piques de integrar aos militantes da Unión Centrista de Nigrán nas súas estruturas. Cando amosaba un acordo nas mesas de negociacións de súpeto o proxecto naufragou. O fracaso da unificación do centro dereita en Nigrán ten dúas versións, a de Antonio Fernández Comesaña , portavoz e candidato de UCN e a de Alberto Valverde, candidato a alcalde de Nigrán polo PP. Mentres Fernández acusa a Valverde de intentar desestabilizar e buscar a rendición incondicional de UCN, Valverde asegura que o verdadeiro motivo do naufraxio foron as exixencias "persoais" de Fernández “que excedían o ámbito político”, entre elas unha de carácter monetario.

Ao PP interesáballe consolidar un espazo electoral por eles nomeado centro dereita, que lle permitiu en 2009 obter a maioría absoluta nas eleccións autonómicas e nos comicios ao Parlamento Europeo. O líder de UCN, o concelleiro Antonio Fernández era o home clave da partida. Nel recaía a decisión máis importante: aceptar unha integración de UCN ao PP cunha condición insalvable: a súa renuncia a calquera cargo representativo.

Como contrapartida, o PP estaba disposto a reservar espazos na súa lista ás municipais para outros membros de UCN. As negociacións se fixeron baixo estrita reserva e dada a súa importancia involucraron aos líderes das agrupacións e a destacados militantes das mesmas.

A primeira xuntanza foi o 14 de xaneiro en Vigo. Segundo testemuña aportada polo PP de Nigrán, Fernández Comesaña non contestou negativamente á condición da súa exclusión, pero fixo unha solicitude verbal onde condicionaba a integración á asunción por parte do PP dunha débeda supostamente contraída por UCN na última campaña electoral. Enquerido polos populares de Nigrán sobre o monto da mesma, Fernández Comesaña mantivera silencio e manifestara que o plantexaría a nivel da xunta provincial do PP, xunto a outros dos reclamos que as devanditas fontes non quixeron dar a coñecer publicamente, aínda que manifestaron tratábanse de "exixencias de carácter persoal" de Fernández.

Os presentes pactaron unha nova reunión para o mércores 19 de xaneiro. Sempre segundo a testemuña do PP de Nigrán, Valverde se presentou á cita e atopou que Fernández Comesaña non estaba presente. No seu lugar estaban dous recoñecidos militantes de UCN que informaron ao portavoz do PP da asuencia de Fernández e do seu interese en ter unha instancia de diálogo coa executiva provincial do PP.

Os delegados de UCN presentaron por escrito catro demandas como axenda a discutir de cara á integración: a primeira refería á integración de militantes de UCN na xunta local do PP Nigrán. A segunda solicitaba a inclusión de cinco membros de UCN dentro dos primeiros 10 lugares na lista á alcaldía do PP. A terceira manexaba un reparto de concellerías e tenedurías de alcadía en caso de ser goberno. A derradeira petición volvía a plantexar a asunción por parte do PP da débeda de UCN.

Segundo Alberto Valverde, "cuando consultamos a los portavoces de UCN sobre los nombre de las persoas a incluír en esa lista de cinco, no los tenían". Tamén foron novamente consultados polo monto da débeda de UCN na última campaña, e tampouco souberon responder. A ausencia de respostas e a ausencia sen aviso de Fernández Comesaña, arrefriou as conversacións, segundo Valverde. Igualmente quedouse en realizar unha nova xuntanza para afondar a axenda da mesa de negociacións. A intención manifesta dos populares era resolver de xeito urxente a integración para cumprir o cronograma electoral marcado a finais de 2010.

Entre o venres 21 e o domingo 23 suspendéronse tres reunións proxectadas, todas elas por vontade de UCN, segundo o informado polos populares. Finalmente, o domingo pola tarde, 3 portavoces de cada grupo sen a presenza de Valverde nin Fernández, comezan a traballa en base as propostas presentadas por UCN na última reunión.

O luns 24 pola noite se reúne Antonio Fernández Comesaña coa directiva provincial do PP en Vigo. Desa xuntanza, Valverde non participa pero é informado das resultas das mesmas. Segundo o candidato popular, Fernández Comesaña presentou un escrito sen firma nin cabeceira de UCN, onde incluía as súas exixencias para integrar UCN ao PP Nigrán, e pola súa banda apartarse de cargos representativos.

A folla, que consta en poder do PP de Nigrán, recollía tres exixencias de corte "persoal", segundo o manifestado por Valverde. Unha delas era a devandita suposta débeda da última campaña da UCN, agora si coa cifra explicitada. Valminor.info non tivo acceso ao montante da débeda. A directiva do PP de Nigrán mantén reserva sobre a mesma así como sobre os pedidos ou exixencias persoais de Fernández. O que si manifestou Valverde foi que “nin xuntando os custos das campañas dos grandes partidos de Nigrán chegamos a eses valores”.

O martes 25 o PP informa a Alberto Valverde de todo o conversado. Valverde responde que esas exixencias son exaxeradas, avaliación que comparte a directiva provincial. Esa mesma semana vólvese a xuntar a mesa integrada por tres militantes de cada agrupación e o PP pon sobre a mesa as exixencias plantexadas por Fernández Comesaña á provincial do PP. Os portavoces de UCN manifestan non coñecer as devanditas exixencias, segundo os populares.

O venres 28 de xaneiro o xornal Faro de Vigo da conta por primeira vez da existencia destas negociacións. Alberto Valverde afirma nese artigo que as conversas están estancadas pero que aínda confía no interese común das bases en unificar o espazo da centro dereita. Valverde informaría que durante ese fin de semana, Fernández Comesaña non rexeitou a posibilidade de afastarse da política activa.

O luns 31 de xaneiro as negociacións tomarían novo rumbo. Unha carta, agora si con cabeceira de UCN, asinada por Antonio Fernández Comesaña e con data 26 de febreiro (48 horas despois da xuntanza coa provincial do PP), informa aos populares que UCN mantén a intención de integrarse ao PP “de cara a las próximas elecciones municipales, con transparencia, luz y taquígrafos”.

A proposta sobre representación política agora era diferente da plantexada polos militantes da UCN nas reunións: Dous militantes de UCN nos primeiros cinco postos da lista, integración da representación de UCN nos órganos colexiados do PP en número a consensuar. En caso de gañar a alcaldía, UCN tería unha Tenencia de Alcaldía, unha o dous dedicacións parciais e dous membros na Xunta de Goberno Local. Por último, UCN deixaba como materia a consensuar a conveniencia de participar en futuras responsabilidades de goberno. O escrito tamén contiña un apartado con 26 items relacionados a proxectos e inversións a consensuar para integrar ao programa de goberno do PP.

Fernández Comesaña daba un prazo de 5 días dende a recepción da misiva para que o PP contestara. De non ser así, UCN daría por descartado por parte do PP o pacto de integración. Ao final do documento o líder de UCN solicitaba a Valverde que puxese o escrito en coñecemento dos órganos locais do partido así como a dirección provincial. O mesmo día Alberto Valverde respondeu a Fernández tamén por escrito. O candidato popular manifestoulle a súa sorpresa polo medio utilizado por Fernández. Sempre se falou persoalmente, lembra Valverde. Os populares entenden que estas propostas que chegan por escrito descartan tódalas efectuadas por escrito e verbalmente con anterioridade a mesma. Por iso o PP entende que Fernández acepta non participar como representante e renuncia as exixencias persoais efectuadas á dirección provincial do PP, onde figuraban “cuestiones fuera del ámbito exclusivamente político.”

Valverde lle expresa a Fernández que nestas condicións o convoca a unha reunión para o día 1º de febreiro no Hotel Miramar de Nigrán, ás 20 horas. Unha xuntanza de tres directivos de cada agrupación pero sen a participación de Fenández nin Valverde co fin de que a integración “sea resuelta y decidida por las bases del Partido Popular de Nigrán y de UCN”. O mesmo 31 de xaneiro, dúas horas despois de recibida a carta de UCN, Valverde fala con Fernández coa intención de reunirse para entregarlle en propias mans a devandita resposta do PP de Nigrán. Segundo Valverde, Fernández afirmou que non podía recibilo.

Foi o día martes 1 de febreiro, sobre as dez da mañá, cando Valverde entregou en mans dun directivo de UCN a misiva coa resposta do PP. Media hora antes da hora prevista para reunión no Hotel Miramar, os membros de UCN informan a Valverde que non concorrerán e tampouco deron data alternativa. O xoves 3 de febreiro sobre as dez da mañá unha nova carta de UCN anunciaba aos directivos do PP Nigrán que se rompían as negociacións por considerar que se tramaba unha trampa e emboscada a UCN e a Fernández, porque o que se quería non era unha integración si non unha “rendición de UCN sin condiciones”. Por outra banda, nesa misiva, Fernández Comesaña nega a existencia das devanditas exixencias persoais. Tamén desafía a Valverde que presente ante a xustiza o papel que afirma ter coas súas peticións á dirección provincial do PP.

Logo de por en dúbida a representatividade de Valverde da vontade dos militantes populares, asegurar que a súa política e continuadora do seu antecesor Alfredo Rodríguez, polo que invita aos militantes populares a unirse a UCN. Pola súa banda, o grupo popular de Nigrán decidiu seguir adiante co seu cronograma electoral e deixar de lado a Fernández Comesaña. De feito Valverde presentou o pasado venres 4 febreiro os nomes dos dez primeiros candidatos a concelleiros que o acompañarán nas próximas eleccións. Os populares entenden que mantiveron unha actitude dialogante non correspondida polo líder de UCN. Valverde manifestou a súa vontade de concentrase na campaña e nas actividades do Concello e deixar definitivamente atrás o tema de integración. Para o líder popular a consolidación da centro dereita dentro do PP de Nigrán será dará igualmente porque os veciños ven unha nova forma de facer e entender a política nesa agrupación.