Mércores, 3 Jul. 2024

Actualizado10:50:26 PM GMT

Estás en Nigrán Louzán desautoriza o peche das negociacións con UCN decretado polo PP de Nigrán.

Louzán desautoriza o peche das negociacións con UCN decretado polo PP de Nigrán.

Correo-e Imprimir PDF
Rafael Louzán fala co presidente da xestora local do PP Gonomar, Eladio Bargiela minutos antes da rolda de prensa.

O dirixente provincial dos populares e presidente provincial contradixo en rolda de prensa, o anuncio da rutura das negociacións entre o PP de Nigrán e UCN así como o peche das candidaturas dos populares ás próximas eleccións municipais.

 

-Señor Louzán, o concelleiro de Nigrán Antonio Fernández Comesaña denunciou publicamente que o PP lle ofreceu un posto de asesor na Deputación Provincial a cambio de acceder á integración de UCN ao PP e o seu afastamento da vida política. Que pode informarnos diso?

Logo dun breve silencio, o presidente provincial do PP Rafael Louzán respondeu a Valminor.info que el non tivo ningunha conversa “con esa persoa”. Aclarou que existe unha política do PP de "suma”, de busca de integración de listas independentes locais que participan do mesmo espazo político que o PP.  O obxectivo, explicou Louzán, é acadar as maiorías absolutas que darán estabilidade aos gobernos populares, e citou os exemplos dos procesos de integración desenvolvidos en Porriño, Tomiño e Tui. O dirixente provincial afirmou que a estratexia tamén incluía ó concello de Nigrán.

“Parece ser que houbo algún desacordo” matizou Louzán, “espero que se poda recuperar esa posibilidade de acordo”. Agregou que a dirección provincial está aberta ao diálogo e supón que a xunta local do PP de Nigrán "tamén estará aberta”.

Estas declaracións do líder provincial eran totalmente contraditorias coas efectuadas seis días atrás polo candidato do PP Nigrán Alberto Valverde quen afirmaba que as negociacións coa UCN estaban totalmente pechadas. Ditos que foron o pretendido remate dunha semana onde Alberto Valverde e Antonio Fernández cruzáronse duras acusacións. Mentres o concelleiro Valverde aseguraba que a integración se frustraba pola negativa do PP Nígrán de facerse cargo dunha avultada débeda arrastrada por UCN dende ás eleccións de 2007, así tamén como por non ceder a outorgarlle a Fernández Comesaña prebendas persoais, pola súa banda, o líder de UCN sinalaba que Valverde quixo tenderlle unha trampa, non tiña interese algún en atopar acordos de integración e que a súa única proposta foi concederlle unha asesoría moi ben remunerada na Deputación a cambio de desintegrar a UCN.

Outro elemento a ter en conta, é que Rafael Louzán fixo estas declaracións logo de recibir hai unha semana copia dun escrito asinado polo concelleiro Antonio Fernández Comesaña. Nel di claramente que a condición previa para retomar o diálogo co PP é a “renuncia” de Alberto Valverde a encabezar a candidatura do PP en Nigrán.

Ante esta pregunta, formulada na rolda de prensa da presentación do candidato do PP de Gondomar Fernando Guitián, Louzán  eludiu a existencia ou non dun intento de mercar a vontade de Fernández Comesaña. Ante a insistencia da prensa na contradición que as súas declaracións tiñan có anunciado polo PP de Nigrán, que non só afirmaba o peche das negociacións se non que presentou xa aos dez primeiros postos da lista ás eleccións, Louzán afirmou que “o PP non da nada por pechado. As candidaturas nos concellos non se van pechar ata o 23 de abril. O PP ten sempre as esperanzas intactas de poder chegar a acordos para beneficiar aos veciños do lugar”.

Repercusións.

O candidato Alberto Valverde, unha vez coñecidas as palabras de Louzán, afirmou que de ser así “farase o que se teña que facer”. Ao mesmo tempo, mantivo de forma indeclinable o seu proceder nas negociacións e reafirmou a súa versión na que responsabiliza da frustrada integración as exixencias persoais e económicas de Fernández Comesaña.

Pola súa banda, Antonio Fernández Comesaña reafirmouse no contido da súa derradeira comunicación ao PP onde manifesta que a única posibilidade de manter novas negociacións cos populares será a renuncia “indeclinable” de Alberto Valverde a encabezar a lista. Con respecto ao ofrecemento dun cargo de asesor na Deputación, Fernández manifestou que este mesmo lle foi adiantado por Valverde na primeira xuntanza e reiterado na reunión que mantivo cun dirixente provincial do PP.