O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, anunciou hoxe en Baiona que o seu departamento “xa remitiu aos concellos que compoñen a Área Metropolitana de Vigo as propostas efectuadas polo Goberno local de Vigo para reformar a lei, que as analicen e que formulen as súas suxestións e propostas para buscar o maior consenso posible”.
Nese senso, sinalou que a Xunta enviou unha carta aos 14 concellos que compoñen a área metropolitana, na que se adxunta as dúas alternativas presentadas polo Concello de Vigo, así como un cadro explicativo das diferenzas entre estas propostas e entre elas e a lei actualmente en vigor.
“Trátase de que todos os concellos da área poidan analizar as propostas e facer as achegas que consideren oportunas nas reunións de traballo que a Xunta convocará en próximas datas”, sinalou Alfosno Rueda.
“O obxectivo do Goberno galego é buscar o maior consenso posible para posibilitar a definitiva posta en marcha da área”, sinalan dende a Xunta. A carta aos concellos pide que trasladen toda a documentación aos representantes de todas as forzas políticas que conforman os plenos municipais, para que poidan efectuar as achegas que estimen oportunas.
A Lei da área metropolitana entrou en vigor no ano 2012, foi aprobada polo Parlamento de Galicia o 10 de abril dese ano, inda que sen o apoio da alcaldía de Vigo.
A Área Metropolitana de Vigo configúrase como unha entidade local cuxo ámbito territorial está delimitado polos concellos de Baiona, Cangas, Fornelos de Montes, Gondomar, Moaña, Mos, Nigrán, Pazos de Borbén, O Porriño, Redondela, Salceda de Caselas, Salvaterra de Miño, Soutomaior e Vigo -que será a capital-; podendo ampliarse no futuro.
Os órganos principais da Área Metropolitana de Vigo son a Asemblea Metropolitana, a Xunta de Goberno Metropolitana, o Presidente e ata dous vicepresidentes; a Comisión Especial de Contas e a Comisión de Cooperación. Esta Comisión será a encargada de asegurar a xestión eficiente dos servizos de competencia compartida evitando as duplicidades.