Venres, 13 Dec. 2019

Actualizado12:21:09 AM GMT

Estás en Val Miñor A Xunta fornece con 3.559€ a Protección Civil da Mancomunidade do Val Miñor.

A Xunta fornece con 3.559€ a Protección Civil da Mancomunidade do Val Miñor.

Correo-e Imprimir PDF
proteccioncivil

Con estas axudas preténdese colaborar economicamente coas Asociacións de Voluntarios de Protección Civil nos gastos de natureza corrente, o que posibilitará o funcionamento destas entidades dentro dos seus concellos e a colaboración nos plans e programas de protección civil da Xunta de Galicia.

Estas subvencións poderán ser investidas en “equipamento e vestimenta persoal de uniforme; equipos de prevención e protección; gastos ocasionados durante as actuacións levadas a cabo pola agrupación en materia de protección civil e gastos de conservación, mantemento e/ou aluguer da súa base e medios de intervención, aplicacións informáticas e de comunicacións, entre outros”, sinala o texto publicado no DOG desta xornada.

A axuda, concedida dende a Vicepresidencia autonómica, está dirixida ás agrupacións de persoal voluntario de protección civil de concellos de menos de 50.000 habitantes, mancomunidades ou agrupacións de concellos.

Sinalan que en total, achegaranse 340.000 euros ás agrupacións de 175 entidades locais, 173 de concellos e 2 das mancomunidades do Ribeiro (Ourense) e Val Miñor (Pontevedra). Por provincias, a máis beneficiada foi a da Coruña con 57 asociacións e 110.675 euros. Síguelle Ourense, con 55 asociacións e 100.097 euros; Lugo, con 33 asociacións e 61.313 euros; e Pontevedra, con 30 asociacións subvencionadas cun total de 67.913 euros.

Engaden que para a concesión destas axudas estudáronse unha serie de criterios obxectivos de avaliación como son o número de mobilizacións con asistencia ás emerxencias, a ratio de voluntarios por cada mil habitantes, o risco potencial de emerxencias -establecido polo Platerga-; ou a antigüidade e a atención da AVPC ao servizo 24 horas, por exemplo.

Así, a Xunta informa que estas axudas súmanse a outras concedidas recentemente aos concellos que conten con Agrupacións de Voluntarios de Protección Civil, co obxecto de dotalos de mellores medios materiais.

Advirten que para este fin a Vicepresidencia investiu máis de catro millóns de euros cos que se repartiron 41 furgóns e aos que proximamente se lle sumarán outros tantos todoterreos, 41 remolques de emerxencias, 33 esparexadores de sal, 18 embarcacións pneumáticas de salvamento e rescate e 20 carpas presurizadas cos seus remolques.