Mércores, 8 Maio. 2024

Actualizado10:50:26 PM GMT

Estás en Val Miñor A Xunta defende a empresa de salvamento marítimo ante a morte da percebeira de Oia

A Xunta defende a empresa de salvamento marítimo ante a morte da percebeira de Oia

Correo-e Imprimir PDF
Rosa Quintana durante a presentación dos orzamentos de 2013CC BY-SA Praza Pública

Fronte á petición de explicacións, pechada defensa da empresa privada. A conselleira do Medio Rural e do Mar acudiu este mércores ao Parlamento para presentar os orzamentos do seu departamento e atopouse con tres esixencias de rendición de contas, unha por cada grupo da oposición, pero non só en materia financeira, senón polo sucedido o pasado decembro, cando a tardanza dun helicóptero de salvamento marítimo se saldou co falecemento dunha mariscadora en Oia.

PSdeG, AGE e BNG reclaman coñecer os detalles do sucedido pero, sobre todo, as razóns que levaron a Xunta a permitir que a empresa estivese máis dun mes sen gardas presenciais, feito que derivou en que o tempo de resposta de 10 minutos ao que está comprometida por contrato se convertese en máis de media hora. Non houbo explicacións, pero si xustificación para a empresa.

Rosa Quintana detalla que á empresa privada que xestiona o servizo por un contrato de máis de 30 millóns de euros, Inaer, "se lle presentou un caso de forza maior, déronselle de baixa catro pilotos "simultaneamente" e non puido ter operativo o servizo de 24 horas presencial", estipulado en dous pilotos, se ben "o rescatador e os mecánicos estaban en servizo presencial vinte e catro horas". En calquera caso, Quintana tenta fuxir do caso concreto para ir ao xeral e proclamar ante a oposición que "se hai unha comunidade que aposte polo salvamento marítimo é Galicia". "Foi o PP o que creou o servizo na comunidade autónoma de Galicia cando é competencia exclusiva do Estado", subliña.

A oposición non conseguiu datos do accidente, pero si obtivo máis xustificacións: a do paso da xestión do servizo a mans privadas. "O que fixeron é un auténtico escándalo", "privatizan o servizo, véndenlle á empresa dúas aeronaves por moito menos do que acabábamos de compralas teoricamente para aforrar e agora vemos como no orzamento imos gastar catro millóns máis; unha auténtica estafa", critica Tereixa Paz dende o BNG. "De que serve o aforro se non se salvan vidas? Os recortes matan", advertiu o voceiro de AGE, Antón Sánchez, para quen a conselleira debera presentar a súa dimisión. "Non se pode falar de privatización porqeu non hai ningún piloto que sexa funcionario da Xunta nin do Estado", retruca a conselleira, quen ademais esquiva as críticas polo feito de que Inaer sexa a mesma empresa que tamén se fixo coa privatización dos helicópteros contra incendios: "presentouse unha única empresa", afirma.

    "No ámbito do salvamento están a realizar unha política criminal", recriminou a voceira do BNG

En calquera caso, Quintana rexeita unha das acusacións máis duras do debate: "No ámbito do salvamento marítimo están realizando unha política criminal" por "antepoñer o negocio á vida das persoas", sinalou a voceira do BNG apoiada polo seu homólogo de AGE, quen instou a titular de Medio Rural e Mar a reflexionar sobre o feito de que na sesión se estaba a "falar de política" e, neste ámbito, "as decisións ás veces poden causar mortes". "Podo aceptar calquera crítica, pero é moi duro aceptar que me chamen criminal", resposta a conselleira, en cuxa opinión cómpre ter "moi en consideración o esforzo que está facendo toda a sociedade galega para manter este servizo", isto é, para sufragar os 30,8 millóns de euros cos que se financia o contrato con Inaer.