Mércores, 8 Maio. 2024

Actualizado10:50:26 PM GMT

Estás en Val Miñor XX aniversario da Coordinadora para o Estudo dos Mamíferos Mariños (CEMMA).

XX aniversario da Coordinadora para o Estudo dos Mamíferos Mariños (CEMMA).

Correo-e Imprimir PDF
cemma-life

Este sábado día 24 de novembro as 12:00 h, no Centro Neural de Gondomar, a Coordinadora para o Estudo dos Mamíferos Mariños (CEMMA) celebrará o seu XX aniversario presentando o resultado das campañas LIFE+: Inventario e Designación da Rede Natura 2000 en Áreas Mariñas –INDEMARES.

 

O acto público en Gondomar será presentado polo presidente da entidade, cargo que asumiu este mesmo ano, o biólogo mariño José Antonio Martínez Cedeira. O responsable das accións que desenvolveu a CEMMA no proxecto LIFE+INDEMARES, fundador e ex-presidente da entidade, o doutor en bioloxía mariña Alfredo López (membro do IEM), exporá o esforzo realizado nas campañas e un breve resume de resultados. No mesmo acto tamén será presentado o vídeo recompilatorio das campañas marítimas baixo a dirección da fotógrafa e especialista en audiovisuais Paula Pérez. A xornada rematará cun xantar de confraternización en conmemoración dos XX anos de esforzo pola conservación mariña, na tasca rural Ardora, en Mañufe.

XX anos

A posta en marcha da CEMMA no ano 1990 e a súa legalización como entidade asociativa, de carácter ambiental, no ano 1992 permitiu constituír a Rede de Varamentos de Galicia, actualmente a rede está xestionada por esta entidade a través da colaboración mantida coa Dirección Xeral de Conservación da Natureza, da Consellería de Medio Rural e do Mar, dende o

ano 1999, servizo recentemente renovado ata o ano 2014. posteriormente viñeron outros traballos como a Rede Costeira de Avistamentos, as Campañas Marítimas ou a Educación Ambiental sorbe o Medio Mariño.

Rede de Varamentos de Galicia A CEMMA é a única entidade que coordina a Rede de Varamentos de Galicia a través das autorizacións pertinentes da Xunta de Galicia, dado que as especies que manexa están protexidas. As dúas Unidades Móbiles da CEMMA manteñen unha atención permanente dos avisos de varamentos para o caso de asistencia inmediata fronte a calquera eventualidade. Para iso conta co número activo 24 h: 686 98 90 08 e coa conexión directa co teléfono de emerxencias 112 SOS Galicia.

LIFE+INDEMARES

O proxecto LIFE+: Inventario e Designación da Rede Natura 2000 en Áreas Mariñas do Estado Español-INDEMARES está levándose a cabo para investigar 10 áreas mariñas españolas, afastadas á costa, ata o 2013, para avaliar as posibilidades da súa protección. Os seus resultados están sendo procesados para enviar ao goberno español e tramitar as categorías de protección respectivas.

O proxecto

Coordinado pola Fundación Biodiversidade, o proxecto ten un enfoque participativo e integra o traballo de institucións de referencia no ámbito da xestión, a investigación e a conservación do medio mariño: o Ministerio de Medio Ambiente, e Medio Rural e Medio Mariño (a través da Secretaría Xeral do Mar), o Instituto Español de Oceanografía, o Consello Superior de Investigacións Científicas, ALNITAK, a Coordinadora para o Estudo dos Mamíferos Mariños, OCEANA, a Sociedade para el Estudio de los Cetáceos en el Archipiélago Canario, SEO/BirdLife e WWF España.

A CEMMA no proxecto

A CEMMA desenvolveu dúas accións no ámbito do proxecto INDEMARES:

1º.- Recompilación de información nas áreas mariñas do Banco de Galicia e

no asturiano Cañón de Avilés.

2º.- Educación ambiental orientada ao sector pesqueiro en todo o norte Peninsular, como continuación do proxecto A Pé de Mar que se desenvolve en Galicia en colaboración coa Consellería do Mar. Esta acción vai destinada ao análise da interacción entre o sector produtivo e os cetáceos con propostas de actuación para a conservación das especies.

Para a CEMMA este foi o maior proxecto que se desenvolveu, cunha grande responsabilidade e tamén cun grandísimo interese dende o punto de vista da conservación mariña e para os cetáceos.

Banco de Galicia Dentro dos labores de recompilación de información nas áreas mariñas leváronse a cabo as Campañas ao Banco de Galicia. Unha elevación dos fondos mariños, é dicir, unha montaña submarina, de 4400 metros, que chega desde as chairas abisais dende 5000 metros profundidade ata o cume que está aos 600 metros da superficie. Sitúase a 120 millas da costa galega (coordenadas da súa área central 42º40'N 11º43'W) Está separado da plataforma de Galicia por unha canle de 2500 metros de profundidade e máis de 100 millas. A montaña submarina funciona como un oasis no centro do océano, a súa superficie está cuberta de corais de profundidade, entre os que destaca a Lophelia pertusa, resultando unha zona de alto interese para a biodiversidade, entre a que cabe sinalar a presenza de polo menos 86 especies de peixes, elementos que estuda o IEO nas súas campañas específicas. A densidade de cetáceos rexistrada, nos embarques realizados pola CEMMA, é das máis altas de Europa, estando presentes ata 11 especies de cetáceos dende as grandes baleas e cachalote ata os arroaces oceánicos e a candorca. Tamén foron recollidos datos das aves mariñas presentes.

O valor de conservación desta zona é enorme, sobre todo para impedir a destrución dos fondos por prácticas de pesca non sostibles nunha zona onde non existe regulación ou limitacións específicas. No val da montaña que conforma o Banco de Galicia, pero algo máis ao sur da zona de estudo, é onde se atopa afundido o Prestige.