Luns, 20 Maio. 2024

Actualizado10:50:26 PM GMT

Estás en Val Miñor Araúxo presentará una moción contra á eliminación da mancomunidade do Val Miñor e a Entidade Local de Morgadáns.

Araúxo presentará una moción contra á eliminación da mancomunidade do Val Miñor e a Entidade Local de Morgadáns.

Correo-e Imprimir PDF
mancomunidade val_minor_WinCE

O concelleiro nacionalista de Gondomar, Antonio Araúxo, presentará unha moción de rexeitamento ao anteproxecto de Lei de "Racionalización y Sostenibilidad de la Administración Local" que está a promover o goberno de España. A medida será plantexada ante o Pleno da Mancomunidade do Val Miñor, organismo que desaparecerá de aprobarse o anteproxecto gobernamental, xunto coa Entidade Local Menor de Morgadáns. O debate terá lugar este martes.

Segundo informou Araúxo, o devandito anteproxecto de Lei de "Racionalización y Sostenibilidad de la Administración Local" que o Goberno do Estado ten en marcha para a súa aprobación, entre outras consideracións recolle a desaparición das Entidades Locais Menores cuxos bens patrimoniais pasarían a formar parte dos respectivos concellos, e das mancomunidades de municipios.

Agregou que no caso das ELM son, de todas as institucións existentes na actualidade, as máis achegadas á veciñanza, e que no caso de Galiza malia a ser só nove en todo País, cumpren ademais o obxectivo de lle dar entidade xurídica ás parroquias das que forman parte.

Araúxo sostivo que "independentemente da xestión que os gobernos destas ELM fagan nas mesmas, que en todo caso será unha cuestión conxuntural e que cada catro anos os propios veciños poden cambiar, o certo é que estas institucións ben xestionadas poden ser de moita utilidade para as parroquias e a súa veciñanza, amén dunha ferramenta valiosísima para a participación cidadá na vida pública. As ELM foron quen durante moitos anos de conservar, aumentar e poñer en valor un importante patrimonio público en beneficio das súas parroquias, e que agora con este Proxecto de Lei elimínanse dun plumazo vulnerando a autonomía municipal así como as competencias que nesta materia ten a propia Xunta de Galicia."

A ELM de Morgadáns é unha desas nove que existen en Galiza e que desaparecería coa aprobación desta Lei. Asemade, a Mancomunidade de Concellos do Val Miñor "sufriría con toda seguridade igual fin", salientou o concelleiro nacionalista. Unha mancomunidade que "malia estar a un 10% das súas posibilidades, aínda así, xestiona a favor dos 50.000 miñoranos a piscina mancomunada, un centro de día comarcal, un parque de maquinaria para as obras públicas, o servizo de protección civil, a recollida de animais, un insuficiente GRUMIR, e pouco máis".

A moción dos nacionalistas

A moción que presentará Araúxo, proporá aos membros do pleno as seguintes medidas:

1º.- Rexeitar as medidas de recorte do Goberno do Estado segundo as cales desaparecerían a ELM de Morgadáns e a Mancomunidade de Concellos do Val Miñor.

2º.- Instar ao Goberno Municipal da Mancomunidade de Concellos do Val Miñor a presentar alegacións ou enmendas ao devandito Proxecto de Lei.

3º.- Apoiar todas aquelas iniciativas encamiñadas a actuar conxuntamente con outras ELM ou mancomunidades de municipios.

4º.- Poñer en coñecemento o contido desta moción entre todos os concellos de Galiza, ELM, Deputacións Provinciais, así como da propria FEGAMP.

5º.- Comunicar o presente acordo aos órganos lexislativos correspondentes: Congreso dos Deputados e Parlamento de Galiza; así como ao Ministerio de Administracións Públicas e a Consellería da mesma área.