Luns, 20 Maio. 2024

Actualizado10:50:26 PM GMT

Estás en Val Miñor Elecións autonómicas o 21 de outubro

Elecións autonómicas o 21 de outubro

Correo-e Imprimir PDF
Parlamento de Galicia

Esclarécense todas as incógnitas sobre o rumor do adianto electoral en Galicia. O presidente Nuñez Feijoo, fixo público pouco antes das 12 do mediodía, a data oficial para os próximos comicios autonómicos galegos.

Queda anulada a comisión de investigación das caixas de aforros e tamén quedarán polo camiño once leis que estaban en proceso de debate ou aprobación, ou cando menos prometidas

Segundo informa Praza Pública, Feijóo cualifica o momento actual de "extraordiaria dificultade económica" e xustifica o adianto na necesidade de aprobar os orzamentos de 2013 cun goberno saído das urnas. Pide, ademais, "unidade política" e acusa a oposición de buscar "intereses partidistas", por exemplo ao negarse a aprobar a reforma electoral pensada para beneficiar aos populares.

Os comicios galegos coincidirán cos vascos, cun calendario moi acelerado que inclúe a disolución do Parlamento este luns e o comezo da campaña electoral o 5 de outubro. A convocatoria, obrigada pola decisión de Patxi López, anunciada a pasada semana, de adiantar os comicios vascos, impedirá que o PP leve a cabo a reforma electoral proxectada por Feijoo e tamén fará que o PSdeG-PSOE teña que renunciar ás súas primarias, que estaban previstas para o mes de setembro.

Feijoo reuniuse o venres con Rajoy en Madrid e afirmou que o presidente do Goberno central lle deu "liberdade" para elixir a data das eleccións. A oposición, con todo, acusou o presidente galego de actuar ao ditado de Madrid, necesitando das súas indicacións para decidir o adianto electoral. Neste senso, Francisco Jorquera (BNG) salientou esta mañá que foron Patxi López e Mariano Rajoy os que decidiron a data das eleccións en Galicia. Foron moitas as xuntanzas que o candidato dos populares mantivo con algún nomes importantes do seu partido en Galicia, como Rafael Louzán, Carlos Negreira, Xosé Manuel Barreiro ou José Manuel Baltar.

Parece que finalmente a data das eleccións galegas se decidiu en función dos intereses do Partido Popular en todo o Estado.

Nunha crónica publicada en ElDiario.es Gonzalo Cortizo salientaba que "Feijóo sabe agora que Rajoy prefire quitar urnas do medio; unha vez celebradas as eleccións vascas e galegas, ao de Pontevedra quedaríanlle por diante dous anos sen carteis electorais e sen a presión que iso supón".

Tamén queda anulada a comisión de investigación das caixas de aforros, prometida por Feijoo e anunciada por Pedro Puy a pasada semana cunha grande énfase. Ademais, quedarán polo camiño once leis que estaban en proceso de debate ou aprobación, ou cando menos prometidas para este outono. A nivel político, o adianto xoga en contra das formacións políticas en construción, como Compromiso por Galicia ou Anova, que terán que acelerar a súa toma de decisión de cara aos comicios, e reforza as marcas máis consolidadas, como PP, PSdeG-PSOE, BNG e EU.

Queda anulada a comisión de investigación das caixas de aforros e tamén quedarán polo camiño once leis que estaban en proceso de debate ou aprobación, ou cando menos prometidas

Outros factores aos que haberá que atender serán o calendario dos novos recortes que o Goberno de Mariano Rajoy anunciará este outono, cando comezará a chegar a inxección de capital para os bancos españois, e no que está sobre a mesa a posibilidade de que España pida un novo rescate. As eleccións tamén coincidirán con numerosas novidades sobre o futuro de Novagalicia Banco, para o que se tomarán, cando menos, decisións de recapitalización. Ademais, o proceso aberto pola estafa das preferentes tamén marcará a campaña electoral, unha vez que do Goberno central xa rexeitou que os afectados poidan recuperar directamente os seus cartos retidos. Finalmente, a campaña electoral coincidirá tamén co comezo do xuízo do Prestige, previsto para o 16 de outubre.

Leis pendentes

A disolución anticipada do Parlamento impedirá a aprobación dalgunhas leis e normas que se atopaban en proceso de redacción e debate na cámara, coma a Lei do Sistema Universitario, a de Impulso e Ordenación das Telecomunicacións, a de Fomento da Investigación e a Innovación, a de Transporte Público en Vehículos de Turismo -Lei do Taxi- e a Lei de Inclusión Social. Tamén fará imposible que o Partido Popular cumpra coa promesa de aprobar outras, con traballos aínda non iniciados, coma a Lei de Garantías de Prestación Sanitaria ou a Lei de Apoio ao Retorno.