Luns, 20 Maio. 2024

Actualizado10:50:26 PM GMT

Estás en Val Miñor A redución de concelleiros anunciada por Rajoy alteraría o mapa político do Val Miñor.

A redución de concelleiros anunciada por Rajoy alteraría o mapa político do Val Miñor.

Correo-e Imprimir PDF

O concelleiro de UCN-CDL Antonio Fernández, perdería o seu sillón no pleno de NigránCos datos actuais e aplicando xa a diminución dun terzo no número de concelleiros adiantada por Mariano Rajoy, habería cambios no reparto do poder local nos concellos de Baiona, Gondomar e Nigrán, aínda que é Gondomar onde mesmo podería haber un cambio de alcalde cos mesmos resultados electorais. Por outra banda perderían a súa representación no pleno grupos políticos como UCN-CDL de Nigrán.

A situación aínda está verde . Os medios nacionais anuncian unha rolda de conversacións PP - PSOE antes de sacar adiante esta reforma, a fin de darlle continuidade. Tamén hai voces que advirten que un cambio da Lei Electoral só se podería practicar a partir das vindeiras eleccións, do contraio violaríase a Constitución.

Nembargante as especulacións sobre as variacións do mapa político de cada municipio de España enchen as páxinas dos xornais dende que se deu o anuncio por parte do Presidente do Goberno.

Conformación dos concellos do Val Miñor aplicando o recorte do 30% nas corporacións

Os concellos do Val Miñor quedarían con 13 ou 11 concelleiros por Pleno Municipal.

Dáse por suposto que a anunciada redución de concelleiros manterá o criterio de establecer corporacións cun número impar de representantes para evitar continuos empates. Nese caso, se ben o coeficiente da redución deixaría en 12 o número de concelleiros por corporación, o número -segundo o afiada que estea a tesoira do goberno español- podería situarse nos 13 ou 11 edís por municipio.

Gondomar podería ata chegar a cambiar alcalde.

O actual bipartito (PP-CDL) que goberna Gondomar ten unha correlación de forzas de 9 a 8 coa oposición.

De practicarse a reforma neste mandato, no caso dun Pleno de 13 edís a representación quedaría da seguinte forma:

5 PP1 CDL (total bipartito 6 concelleiros); 4 non adscritos (nacionalistas) , 2 PSOE, e 1 IXG (independentes ex-PSOE). Co cal o goberno municipal podería trocar en caso dunha alianza das forzas da oposición.

A mesma situación daríase cunha reforma que deixase en 11 o número de edís no pleno: 4 PP, 1 CDL, 4 non adscritos (nacionalistas), 1 PSOE e 1 IXG.

E ata unha hipotética corporación de 12 edís - non manexada por ningunha fonte- as cousas non deixarían de complicarse: 5 PP, 1 CDL, 4 non adscritos, 1 PSOE e 1 IXG.

UCN-CDL de Nigrán perdería o seu representante no Pleno.

A maioría absoluta coa que goberna o alcalde popular Alberto Valverde non se modificaría en ningún dos supostos. A consecuencias máis suliñable neste concello sería a desaparición da representación dun grupo minoritario como é o caso de UCN-CDL, do concelleiro Antonio Fernández Comesaña. Esta pode ser a medida que esperte as maiores críticas á reforma proposta polo goberno de España, na medida que eliminaría dun plumazo da actividade política municipal ás formacións minoritarias.

Asi a corporación municipal de Nigrán quedaría:

Formación municipal con 13 edís -  7 PP , 5 PSOE e 1 BNG
Formación municipal   11 edís -  6 PP ,  4 PSOE e  1 BNG

En Baiona reduciríanse as distancias.

Tampouco a maioría absoluta do alcalde Jesús Vázquez Almuíña sería afectada pola medida reducionista de Rajoy. O PP goberna na actualidade cunha relación de 10 a 7 concelleiros con respecto á oposición. Nembargante nunha hipotética redución a 13 membros o mapa político goberno oposición quedaría nun 8 a 5, e no caso de 11 membros nun menos afastado 6 a 5.

Asi a corporación municipal de Baiona quedaría:

Formación municipal con 13 edís -  8 PP , 3 PSOE,  1 BNG e 1 UPyD
Formación municipal   11 edís -  6 PP ,  3 PSOE e  1 BNG e 1 UPyD