Luns, 20 Maio. 2024

Actualizado10:50:26 PM GMT

Estás en Val Miñor Manifestación en defensa da Sanidade Pública

Manifestación en defensa da Sanidade Pública

Correo-e Imprimir PDF
Manifestación da plataforma en Santiago o pasado mes de novembro

A Plataforma SOS Sanidade Pública fixo un chamamento este martes a participar na manifestación que para este domingo organiza en Santiago de Compostela en contra dos recortes e a privatización da sanidade pública, tanto polas medidas en Galicia, como polo decreto impulsado polo Goberno central que, entre outras cuestións, introduce o copago para os pensionistas nos fármacos. Neste sentido, advertiron de que, segundo os seus cálculos, os xubilados galegos terán que abonar 80 euros ao mes, de media, para facer fronte aos medicamentos que lles son recetados.

A plataforma do Val Miñor porá a disposición o transporte en autobús, para acudir á manifestación a Santiago.

 "E eles non son os culpables", sinalou o portavoz da plataforma, o médico Manuel Martín, que cualificou o decreto do Goberno central de "golpe de estado cruel" por modificar --segundo as súas palabras-- a Lei xeral de saúde e a Constitución con esa normativa, e "golpe de estado" ás autonomías por "invasión de competencias".

 A Consellería de Sanidade afirmou varias veces que estuda fórmulas para a aplicación deste real decreto, baixo a premisa -- dita en sede parlamentaria pola titular deste departamento, Rocío Mosquera-- de que ningún pensionista pague máis de oito euros (no caso de que lle corresponda o nivel máis baixo de achega en función da prestación económica).

No entanto, a falta algo máis dun mes para que entre en vigor esta medida, a Administración autonómica aínda non ten pechado que método utilizará para evitar que, ao abonar o 10 por cento da medicación, os xubilados non superen esa contía, posto que a achega de máis despois tería que ser reembolsada.

Respecto diso, o portavoz de SOS Sanidade Pública advertiu das dificultades para a poboación galega á hora de "reclamar" a débeda e puxo o exemplo de que, se as grandes farmacéuticas non cobran pola burocracia existente, os pensionistas "non o van a cobrar". Neste punto, criticou que, paralelamente, si haxa fondos para inxectar "20.000 millóns" a Bankia que o fixo "moi mal".

Iniciativa Lexislativa Popular

Manuel Martín tamén informou de que a iniciativa lexislativa popular (ILP) en defensa da sanidade pública que impulsou esta plataforma --na que están sindicatos, partidos políticos, movementos veciñais e outros colectivos sociais-- xa cumpriu todos os requisitos para ser debatida no Parlamento galego, despois de que a xunta electoral validadara as firmas necesarias para ser presentada.

Así, as deputadas Ana Luisa Bouza e Carmen Acuña esperan que se poida debater esta iniciativa no mes de xuño, antes de que conclúa o actual período de sesións, aínda que mostraron o seu temor a que o PPdeG poida bloquear coa súa maioría a discusión parlamentaria, tendo en conta que a inclusión na orde do día dunha sesión plenaria depende deste factor.

Sobre a posibilidade de que os populares apoien a tramitación desta iniciativa de lei cidadá, Manuel Martín confiou nas "conciencias individuais" de deputados do PP que poidan estar de acordo co que nela se inclúe, mentres que a deputada socialista mostrou algunha esperanza en que poida seguir "máis adiante". Con todo, Ana Luisa Bouza afirmou "non ter ningunha dúbida de que o PP votará en contra" da proposta.

En todo caso, Manuel Martín considerou que esta experiencia, que incluíu un movemento social por toda Galicia para solicitar firmas e dar a coñecer os "recortes" do Goberno galego e central, serviu para que esta plataforma estea "máis unida" e salga "reforzada", xa que conta co aval das firmas da cidadanía.

Así, Martín chamou a toda a cidadanía a participar na manifestación do próximo domingo, 3 de xuño, que sairá da Alameda compostelá e acabará na Praza dá Quintana. Contará co apoio tamén, entre outros, da liga Estudantil e de entidades como Médicos do Mundo ou de loita contra a drogodependencia.

Os puntos do manifesto da plataforma

A plataforma SOS Sanidade Pública sinala sete puntos básicos na súa loita.

  • 1º.- Acaba co sistema sanitario universal como un dereito básico da cidadanía e introduce un modelo de aseguramento no que para ter dereito á asistencia sanitaria no marco da Sanidade Pública hai que ser “asegurado”, deixando fora aos que non reúnan esa condición.
  • 2º.- Deixa fóra da atención sanitaria aos inmigrantes non regularizados, a pesar de que é un colectivo en diminución pola crise, realiza un escaso uso dos servizos e un reducido gasto sanitario. A desculpa do “turismo sanitario” non pode xustificar a perda do carácter universal do dereito á asistencia sanitaria. Tamén deixa fora aos maiores de 26 anos que non teñan “cotizado”.
  • 3º.- Reduce a oferta de servizos da sanidade pública, crea tres grupos de servizos e introduce o copago (repago) en servizos esenciais como a prestación farmacéutica, a prestación ortoprotésica, a prestación con produtos dietéticos e o transporte sanitario non urxente. Crea, ademais, unha Carteira común de servizos accesorios, que pode ser financiada co copago ou a través de aseguradoras privadas. Os recortes nos servizos afectarán especialmente ás mulleres.
  • 4º.- Establece un sistema de copagos que afectan esencialmente aos pensionistas e enfermos crónicos, dificultando o acceso a medicacións e prestacións sanitarias indispensables para a súa saúde, converténdose nun novo imposto á enfermidade.
  • 5º.- Inclúe un novo “medicamentazo” xa que anuncia a retirada das prestacións farmacéuticas da carteira básica, incrementando o copago, e retira medicamentos moi usados do financiamento público.
  • 6º.- Incorre en intromisións graves nas competencias da Xunta de Galicia, limitando a súa capacidade de organización da asistencia sanitaria, tal e como recolle o Estatuto de Autonomía.
  • 7º.- Cambia as condicións laborais do persoal da sanidade pública, diminuíndo o seu número e precarizando as súas condicións de traballo, coa conseguinte perda de calidade no servizo prestado.
  • 8º.- Privatiza a xestión de áreas sanitarias, hospitais e centros de saúde, encarecendo o servizo e empeorando a súa calidade.

Horario dos autubuses dende o Val Miñor

O prezo do autubús 6 euros por persoa se se consegue enchelo. Os interesados e interesadas en acudir poden dirixirse ao enderezo da plataforma do Val Miñor  Este enderezo de correo-e está a ser protexido de robots spamers, precisas activar o JavaScript para velo  ou chamando ás persoas de contacto  Manuela R. Pumar no teléfono 616 964 027 e Xulio Castañal 680 427 274

O horario de saída dos autubuses do próximo domingo día 3 de Xuño dende do Val Miñor. 

  • Gondomar, Casa do Concello de Gondomar ás 9.45 h.
  • Baiona, na Ramallosa fronte a Moto4 ( Ponte Románico) ás 10 h.
  • Nigran,  parada neumáticos Anta ás 10,10 h. ou Priegue no Estanco. ás 10,20 h.

 

Dim lights Embed Embed this video on your site