Luns, 20 Maio. 2024

Actualizado10:50:26 PM GMT

Estás en Val Miñor A Mancomunidade de Montes do Val Miñor rexeita as fumigacións co insecticida prohibido pola UE.

A Mancomunidade de Montes do Val Miñor rexeita as fumigacións co insecticida prohibido pola UE.

Correo-e Imprimir PDF

densa-monte-comunal-val-minA fumigación dos montes da bisbarra có pesticida Flufenoxuron foi rexeitada pola Mancomunidade de Montes do Val Miñor, nunha xuntanza o pasado venres en Borreiros. Nomeadamente, os comuneiros manifestan a súa preocupación pola posible contaminación que sobre augas, flora e fauna da bisbarra provocaría este produto prohibido nas listaxes fitosanitarias da Unión Europea. Nembargante, o secretario xeral de Medio Rural e Montes, Tomás Fernández-Couto asegurou ante o Parlamento Galego que “o insecticida usado contra o gorgullo do eucalipto é un produto legal e o único autorizado para este tratamento”.


O Flufenoxuron no centro do debate.

Segundo informara a Plataforma contra as fumigacións, da que forma parte entre outras asociacións a Organización Galega de Comunidades de Montes Veciñais en Man Común (ORGACCMM), o químico Flufenoxuron (co nome comercial de Cascade) , está en moratoria pola súa toxicidade por resolución da Unión Europea dende setembro de 2011 e será prohibido o seu emprego a partires do 1 de agosto de 2012.

Nembargante, nas súas declaracións do pasado 3 de maio, Fernández-Couto sostivo que "este produto se emprega dende hai vinte anos en agricultura e silivicultura para tratar doenzas das berenxenas, as mazás, as peras ou as viñas, entre outros moitos cultivos". Advertiu ademais que o tratamento farase de "xeito localizado, en proporcións moi limitadas (en doses de apenas un vaso de auga por hectárea) e sempre por solicitude expresa dos donos das árbores".

Fumigar o protexer? O gorgollo Gonipterus ten dos nervios ás empresas forestais e papeleiras .

Fumigacions-PontevedraO gurgullo Gonipterus é o responsable de que os forestais estean dos nervios. O pequeno picudo ten o malo costume de devorar as follas dos eucaliptos. O pasado 4 de maio, a Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galicia (ADEGA) denunciou os plans da Asociación Española de Fabricantes de Pasta, Papel y Cartón (ASPAPEL), para fumigar por vía aérea 69 áreas de 8 km de diámetro cada unha (40 en Coruña,28 en Pontevedra e 1 en Lugo), ata preto de lugares habitados e en espazos da rede Natura 2000 co devandito químico Flufenoxuron.

ADEGA sostén que a medida -que ten que ser autorizada pola Xunta de Galicia- pon en serio perigo de extinción a un número importante de insectos e nomeadamente as poboacións de abellas. Agregan que as filtracións nos acuedutos tamén provocaría a contaminación das correntes de augas coa súa nefasta pegada nas traídas para uso humano e no ecosistema en xeral.

A Xunta non se aclara nas mensaxes.

Mentres ante o Parlamento Galego, Tomás Fernández- Couto non desmentía a intención de autorizar a fumigación con Flufenoxuron, e só matizaba que "a súa aplicación farase de xeito localizado, en proporcións moi limitadas (en doses de apenas un vaso de auga por hectárea) e sempre por solicitude expresa dos donos das árbores"; a Conselleira do Medio Rural e do Mar, Rosa Quintana vinte días despois, tamén ante o parlamento, aseguraba que “non hai autorizada ningunha fumigación aérea contra o gorgullo do eucalipto polo que non podemos prohibir o que non está autorizado”.

Nembargante, a continuación expresou ante os parlamentarios que o Flufenoxuron “está autorizado expresamente na súa venta e aplicación polo Goberno do Estado”, en base á moratoria que prevé a normativa europea. Ademais puntualizou que non se trata dun "neurotóxico" (que provoca dano e toxicidade), senón dun "antiquitinizante" que actúa sobre as larvas cando cambian de estado, impedindo o seu desenvolvemento.

A maiores, Rosa Quintana, deixou no aire a decisión final da administración autonómica sobre a autorización ás fumigacións ao afirmar que “unha vez recibamos unha solicitude desenvolveremos unha aplicación exhaustiva e rigorosa da norma e procederase á autorización se procede".

A loita biolóxica como alternativa.

Tanto os colectivos congregados na Plataforma contra as fumigacións, como a propia Consellería de Medio Rural manifestan a necesidade de desenvolver un programa de loita biolóxica contra o gorgullo do eucalipto, menos agresiva que os químicos para o medio ambiente. Nese senso, a consellería de Rosa Quintana informou que nesta primavera se incrementou nun 164% % –con respecto ao 2011– o número de soltas do parasito natural do gorgollo , o Anaphaes nitens. O plan, asegurou, ten por obxectivo final chegar a establecer un equilibrio entre as poboacións do insecto e as do seu parasito natural, reducindo así a poboación do primeiro por baixo do limiar da praga.

Nembargante, investigadores das asociacións ecolóxicas denuncian un contra sentido nas manifestación da consellaria do Medio Rural, pois de fumigarse con Flufenoxuron o Anaphaes nitens tamén será afectado polo químico.