Luns, 20 Maio. 2024

Actualizado10:50:26 PM GMT

Estás en Val Miñor " Somos serra, a serra protéxenos, e nós protexerémola". III Andaina pola Serra do Galiñeiro.

" Somos serra, a serra protéxenos, e nós protexerémola". III Andaina pola Serra do Galiñeiro.

Correo-e Imprimir PDF
manuel-rivas-galineiro

"Estamos aquí para protexer a Serra do Galiñeiro.

Máis é ela -oídes ven- quen nos protexe a nós". (Manifesto da III Andaina)

A III Andaina pola defensa da Serra do Galiñeiro congregou a máis de dos mil persoas o pasado domingo 13 de maio. Tratouse da maior concentración de protesta contra a instalación do parque eólico concedido pola Xunta de Galicia á empresa Terra do Vento.

 

"

"Ten razón quen afirmou que unha xeografía, o mellor xeito de coñecela é polos pés. Andala... andar a terra. Penso que moito dos males que nos pasan... comezando aquí en Galiza, é porque quen gobernan pois andan pouco na súa terra. Deberían comezar por coñecela polos pés... por andala."

O escritor Manuel Rivas foi o encargado de ler o manifesto na cima do monte, logo dunha andaina de máis de sete quilómetros, que levou aos participantes polas ribeiras do Río Zamáns e os afluentes que regan O Galiñeiro.

"A Serra é hoxe o lugar dos lugares. O corazón da terra que nos convoca. Un lugar onde se concentra a máis poderosa das enerxías: a da solidariedade. O don de entrelazar soidades para rescatar a esperanza."

Na súa intervención, Rivas fixo fincapé nunha dupla relación que coroa a vida da serra e os homes e mulleres que a habitan, ou transitan o seu espazo: "nós a protexemos, ela nos protexe".

"Nós estamos aquí para pedir maior protección, para esixir protección para a Serra do Galiñeiro, mais a Serra do Galiñeiro, a marabilla cordal que vertebra o sur atlántico de Galiza dende a Ría de Vigo a esteiro do Miño está a protexernos a nós dende milenios."

No documento, tamén lembrouse o reclamo feito dende hai anos por distintas asociación e institucións - e recollido en resolucións da Xunta de Galicia- de ampliar a Rede Natura 2000 que protexe ao Monte Aloia á totalidade da serra.

"Loitaremos andaina tras andaina, para que teña a maior protección dos Espazos Protexidos. Para que o Parque Natural de Monte Aloia non sexa un corruncho, unha excepción, senón que se estenda a toda a Serra do Galiñeiro."

No acto, tamén tivo lugar un recital poético a cargo de Pepe Caccámo, Iago Castro, Silvia Penas, Oriana Méndez e Anxo Angueira, así como a participación dos músicos Tino Baz, as Cantareiras do Alba e Leo Arremecághona.

"A serra nos protexe e temos que protexela, contra plantacións improcedentes e monocultivos forestais foráneos, que estragan a biodiversidade e multiplican os perigos de incendio. Contra as canteiras ilegais que deixan na serra feridas incurables. Contra os depósitos de monstros e de lixo, contra a maquinaria pesada, contra os chirimbolos eólicos fóra de lugar e ao servizo da cobiza e non do ben común."

Finalmente Manuel Rivas denunciou a falsa crenza de que na Galiza non se sabe coidar o espazo natural, ou que falla estima para pelexar polos dereitos do país.

"Somos auga, e a auga pode có máis duro.

Somos serra, a serra protéxenos, e nós protexerémola.

Xurámolo polo que máis queremos: A andaina comunal seguirá ate conseguir ese parque natural para a Serra do Galiñeiro."