Domingo, 19 Maio. 2024

Actualizado10:50:26 PM GMT

Estás en Val Miñor 1 e 3 de maio: Os sindicatos de xornalistas chaman a defender os dereitos dos xornalistas

1 e 3 de maio: Os sindicatos de xornalistas chaman a defender os dereitos dos xornalistas

Correo-e Imprimir PDF
ECKW sindicato xornalistas galicia

"O Sindicato de Xornalistas denuncia que a reforma laboral prexudica máis que a ninguén aos xornalistas á peza e convoca a todos os profesionais a manifestarse polas súas reivindicacións.

O 1 de maio, Día Internacional dos Traballadores, e o 3 de maio, Día Mundial da Liberdade de Prensa, conmemóranse este ano en momentos en que os profesionais dos medios de comunicación padecen unha agresión sen precedentes aos seus dereitos laborais e profesionais.

A Federación de Sindicatos de Xornalistas (FeSP), da que forma parte o Sindicato de Xornalistas de Galicia, denuncia que a crise xeral é aínda máis grave nos medios de comunicación, en moitos casos debido á xestión errática e irresponsable dos seus directivos e empresarios. Moitos deles, favorecidos polas inxustas reformas laborais que impuxo o actual Goberno, están a aproveitar a crise económica para continuar reducindo aínda máis os seus equipos e abaratan os custos.

Neste panorama desolador, o maior dano estano sufrindo os xornalistas á peza, que perden o seu traballo ou ven reducido o seu salario de forma drástica e unilateral por parte dos empresarios sen ter dereito sequera ao mínimo amparo laboral.

Esta situación de infamia é responsabilidade exclusiva dos dous partidos que se alternaron no Goberno de España, o PSOE e o PP. Con bastos pretextos, e amedrentados polos grandes grupos de comunicación, ambos os dous negáronse durante anos a corrixir o agravio comparativo que os colaboradores xornalísticos sofren en España fronte ao resto de traballadores. Pero se a degradación laboral nos medios é grave, non é menos lacerante a involución en dereitos profesionais e o avasalamento do dereito á información da cidadanía. Este dereito é pisado cada día mediante a represión dos xornalistas dentro dos medios e coa incautación da independencia dos medios públicos por parte das distintas administracións.

Nos últimos anos, RTVE e algunhas televisións públicas autonómicas -como a catalá TV3- realizaron avances significativos para deixar de ser a voz do gobernante de turno e lograron que se aproben normas legais encamiñadas a implantar a plena independencia dos seus informativos e a xestión profesional do medio.

Fronte a esas conquistas, que fortalecen a democracia e o dereito á información da cidadanía, a FeSP denuncia que o decreto aprobado recentemente polo Goberno do PP -que permitirá a este partido nomear sen consenso ao presidente de RTVE- supón unha tremenda involución no camiño emprendido para devolver á cidadanía o dereito a ter medios públicos realmente independentes.

Ante unha degradación laboral e profesional tan grave como a actual, a Federación de Sindicatos de Xornalistas fai un novo chamamento aos partidos políticos para que regulen por lei a profesión xornalística con urxencia, porque é o único xeito de que os seus profesionais sexan verdadeiros intermediarios no dereito á información da cidadanía.

A FeSP chama aos traballadores e traballadoras dos medios para que celebren o 1 e 3 de Maio como xornadas de loita por eses dereitos e convócaos a manifestarse publicamente, secundando as convocatorias de sindicatos e organizacións profesionais, en defensa das súas reivindicacións."

Xunta Executiva Federal da FeSP